O día grande dos disfraces, a troula e as chanzas vivirase en Moeche na xornada do 25 de febreiro, Martes de Entroido. Unha data que é festivo local e na que o Concello programou unha festa familiar chea de actividades. A partir das 16.30h. na Nave do Mercado haberá xogos, obradoiros, música, chocolate con churros e premios para as mellores máscaras en colaboración coa hostalaría local. O Entroido municipal complementarase, ademais, coas celebracións organizadas pola AVV Val de Moeche o día 22 e pola AVV Labacengos o día 23, en ambos casos arredor dun gorentoso cocido.
A Nave do Mercado é xa por dereito propio epicentro sociocultural do concello. Alén dos mercados e feiras sectoriais -lembrade: a do Queixo é o 15 de marzo- o espazo ofrece condicións inmellorables para outros eventos de carácter anual, como é o caso das festas de Reis ou, o día 25, a do Entroido. Alí empezará ás 16.30h. unha tarde de tradición que en Moeche se mantén puxante, posto que ninguén, nin grandes nin cativos, perden dun ano para outro o costume de se disfrazar e de facer funcia.
A xente miúda terá no recinto un grande castelo inchable, unha cama elástica e un obradoiro para construír máscaras con materia prima reciclada. Ademais tamén se organizou unha sesión canta-baila con La GuaGua, quen se encargará de animar o desfile de disfraces posterior, aberto a todas as idades.
Haberá premios para os tres mellores atavíos infantís, dotados con vales de 15€ para cada crianza canxeables na libraría Brétema. O mellor traxe de persoa adulta levará 30€ nun tique para gastar en dous postos do Mercado de Moeche. Os premios para o mellor grupo e para o grupo máis numeroso serán tamén cadanseu vale de 75€ para gastar como se queira nalgún dos establecementos hostaleiros do concello que colaboran co evento: Bar Ubaldo, Taberna Irmandiños, Mesón O Campo, Casa Pena, Bar Toñito, Café Bar A Terraza, Bar Xambas e restaurante Delfino.
Tralo pase de modelos entroideiros, e mentres delibera o xurado, servirase un riquísimo chocolate con churros.
Entroidos veciñais
As outras dúas citas festivas das que nos chegou información son a da AVV Val de Moeche e a da AVV Labacengos. No fondo de Moeche celebran o Entroido o sábado 22 de febreiro cun xantar no local social do Pereiro seguido da música de Jimmy. A partir das 14.00h. servirase un menú composto por sopa de cocido, cocido e sobremesas típicas. O prezo son 10€ para persoas socias e 15€ para non socias. Hai que apuntarse chamando ao 622 916 160.
En Labacengos o Entroido será o domingo 23 de febreiro a partir das 14.30h. na nave do Ventoeiro. Servirán cocido, doces, café e chupiño. Sobre as 17.00h. comezará a festa animada por Suso Moeche, na que haberá premios para o disfraz máis orixinal, tanto no apartado infantil como adulto. O prezo do xantar son 12€ persoas socias e 16€ non socias (rapazada ata 12 anos, de balde) e hai que anotarse antes do día 17 de febreiro chamando ao 606 729 038.