Friday 22 de November de 2024

A Xunta clausura en Cambre a segunda edición de ‘21 días co galego e +’


O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa valoraron as claves do éxito deste programa de dinamización lingüística que chegou a case 4000 estudantes

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participaron esta mañá no IES Afonso X O Sabio de Cambre (A Coruña) na clausura do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, iniciativa da Xunta que nesta segunda edición implicou 10 centros educativos, máis de 300 docentes, 60 membros do persoal de administración e servizos e case 4000 estudantes de 12 a 18 anos e as súas familias.

Valentín García entendeu que “con esta segunda edición o programa 21 días co galego e + consolídase como un referente en dinamización lingüística e en innovación educativa, o que fai que cada vez máis centros se interesen en participar ou en desenvolver iniciativas semellantes a esta; unhas iniciativas que favorecen o coñecemento e, sobre todo, o uso da lingua galega entre as novas xeracións, que levan o galego a fogares onde non adoitaba usarse e que inciden positivamente na autoestima do alumnado que xa era galegofalante, segundo constatamos ao irmos avaliando o desenvolvemento do programa”. O secretario xeral de Política Lingüística recoñeceu que “isto non sería posible sen o inxente esforzo do estudantado, do profesorado, dos equipos de dinamización da lingua galega, da coordinadora da actividade… de toda a xente que participou nunha proposta que me consta que é tan esixente como satisfactoria”.

Pola súa banda, Manuel Corredoira insistiu en que “unha das claves do éxito de 21 días co galego e +, especialmente nesta segunda edición, foi a implicación do conxunto da comunidade educativa nuns obxectivos comúns”. “Cando as familias, o profesorado, a sociedade… traballan xuntos pola educación da mocidade, os resultados son sempre positivos”, sinalou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Xunto con Valentín García e Manuel Corredoira interviñeron no acto Pilar Ponte, coordinadora do programa 21 días co galego e +, e Félix Rodríguez Sanjurjo, director do IES Afonso X O Sabio de Cambre. Tras as súas palabras, tivo lugar a actuación do coro do centro educativo e, a continuación, un concerto da cantante Uxía.

Lingua oral e redes sociais
No marco do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, 3877 adolescentes comprometéronse a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que durou a actividade; é dicir, un total de 504 horas ininterrompidas desde o 13 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2020, dentro e fóra do centro de ensino. A súa experiencia e os retos que foron superando reflectíronse en diferentes vídeos que difundiron no seu blog (blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/) e nas redes sociais, onde gozaron de amplo seguimento, especialmente en Facebook, cun alcance de 14.400 persoas e máis de dez milleiros de interaccións.

Un programa en expansión
21 Días co galego e + é un programa promovido pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, se desenvolveu hai uns anos no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte e que, desde o curso pasado 2018-2019, o Goberno galego asumiu como propio facéndoo extensivo a outros catro centros, un por provincia. Nestas novas circunstancias, a iniciativa recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 na modalidade de Lingua da Consellería de Cultura e Turismo.

En 2020, o programa continuou a súa expansión no marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade da Xunta de Galicia coa participación de 10 centros e 3877 alumnos e alumnas dos 12 aos 18 anos da ESO, de bacharelato e de FP pertencentes a algún destes 10 centros: IES As Lagoas (Ourense), IES Afonso X O Sabio (Cambre), IES Antón Alonso Ríos (Tomiño), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Poio e IES de Vilalonga (Sanxenxo).