Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia a 23 proxectos de emprendemento feminino na comarca de Santiago cun investimento de 245.000€


Estas axudas da Secretaría Xeral de Igualdade están dirixidas a fomentar o emprendemento feminino en Galicia
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu o proxecto de Talia Bernaola de servizos forestais en Santa Comba, apoiado pola Xunta, e informou da resolución do programa Emega, un plan que comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial. Dito programa beneficiou, este ano, a un total de 23 iniciativas de mulleres na comarca de Santiago que contarán cunhas achegas totais de 245.000 euros para levar a cabo as súas propostas coa contratación en total de 28 mulleres.

Ovidio Rodeiro destacou que esta resolución da Secretaría Xeral de Igualdade vai destinada “a apoiar ás mulleres para que se establezan como empresarias e así se xere un tecido empresarial máis igualitario, no que tamén se promova a creación de postos de traballo de carácter indefinido para mulleres e novas formas de organización empresarial”

O representante do Goberno galego destacou “a importancia do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, porque ten como obxectivo apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, a creación de emprego feminino, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.

As medidas do programa Emega, creáronse especificamente pola Xunta de Galicia como una forma integral de promoción da igualdade no ámbito laboral para apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar. O que se busca é que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo así á creación de novos postos de traballo.

Este programa conta con diferentes liñas de axudas para emprender, innovar ou consolidar a situación das empresas. Ademais dunha liña especial para emprendemento con base tecnolóxica e axudas complementarias para a conciliación laboral ou o asesoramento.

Concretamente, na comarca de Santiago 17 achegas aprobadas correspóndense coa liña de axudas económicas Emprende que busca mediante incentivos promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

Outras das axudas son da liña Emprende-Concilia promotoras que ten por obxecto promover a conciliación da vida persoal e familiar e laboral, nesta comarca optaron a esas achegas 4 mulleres e outra correspóndese coa liña Activa de incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar a situación económica adversa e alcanzar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación, neste caso foron 2 as mulleres beneficiarias.

No total de provincia da Coruña o programa Emega apoiará a creación de 94 postos de traballo grazas a unhas achegas que superan os 700.000 euros.