Os traballos comezan este luns e inclúen o tramo comprendido entre a rúa Educación e a praza da Mariña Mercante
As obras de mellora da accesibilidade na avenida de Gran Canaria que arrincan este luns darán prioridade aos peóns e as peoas. Con este proxecto, o Concello responde ás peticións realizadas pola Asociación de Veciños Labañou- San Roque Francisco Rodríguez Otero durante unha reunión mantida co concelleiro de Urbanismo, Juan Villoslada, e o equipo técnico da concellería.
A actuación na avenida de Gran Canaria ten como obxectivo fundamental a mellora das zonas peonís no tramo comprendido entre a rúa Educación e a Praza da Mariña Mercante onde enlazaría coas zonas peonís xa renovadas de Paseo de Rolda. Desde Infraestruturas explican que se mellorará a accesibilidade tanto dos pasos de peóns como na parada 84 do autobús urbano, eliminando a baía existente. Ademáis renovaranse os pavimentos peonís, as canalizacións de iluminación e dotarase de rega ás zonas verdes.
Doutra banda, ampliaranse as zonas verdes e a arboleda. O proxecto inclúe a creación dun xardín con céspede e flores vexetais continuo a ambos os dous lados da avenida coa totalidade de árbores existente. Deste xeito, substitúense as especies de alcorques individuais actuais por unha zona verde que impedirá o estacionamento de vehículos sobre as beirarrúas da avenida e dará maior seguridade aos peóns. Na praza da Mariña Mercante manterase a fileira de árbores existente ampliando o número coa plantación de catro exemplares de Quercus palustris./carballo.
As obras que o Concello está a desenvolver por distintos barrios da cidade responden ás peticións que a veciñanza fai aos responsables municipais durante os encontros que se realizan de maneira periódica para coñecer a situación de cada zona.