Saturday 16 de November de 2024

O Concello inicia os traballos de mellora da accesibilidade no cruzamento de Andrés Gaos coa avenida da Gramela


 

As obras nestas rúas do Agra do Orzán forman parte do plan integral de humanización dos barrios que o Goberno local está executando por toda a cidade

A área de Infraestruturas do Concello inicia o luns os traballos para mellorar a accesibilidade no cruzamento da rúa Andrés Gaos coa avenida da Gramela, no barrio do Agra do Orzán. O obxectivo das obras é garantir a accesibilidade tanto nas beirarrúas coma no cruzamento e pasos de peóns da vía.

Desde a concellería explican que as obras responden ás peticións que a veciñanza lle trasladou sobre a falta de visibilidade no cruzamento, e do aparcamento indebido de moitos condutores que deixan os seus vehículos en dobre fila.

As obras consistirán na ampliación das zonas peonís nas esquinas do cruzamento e na mellora da accesibilidade dos pasos de peóns existentes. Isto, explican, aumentará a superficie peonil e, ao mesmo tempo, gañarase seguridade tanto para os vehículos privados como para os peóns e as peoas.

Esta non vai ser a única obra nos cruzamentos do barrio do Agra, no que está previsto levar a cabo melloras na seguridade viaria coa ampliación das zonas peonís. Os traballos estenderanse ao cruzamento da rúa Fanny Garrido con Manuel Deschamps, onde os residentes levan tempo reclamando maior seguridade e mellores accesos.

As obras, explica o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Juan Díaz Villoslada, forman parte dun plan integral de mellora dos espazos públicos dos barrios da cidade para dar maior protagonismo aos peóns e as peoas e garantir unha mellor accesibilidade e calidade de vida aos veciños e as veciñas.