Thursday 21 de November de 2024

O alcalde de Brión agradece a boa disposición da conselleira de Infraestruturas para acondicionar a AC-543 ao seu paso polo Tremo


 

O proxecto incluirá un sobreancho nas beirarrúas, a regulación do aparcamento na zona e a corrección do peralte da rotonda entre a AC-543 e a AC-304. O Concello de Brión asumirá a titularidade da estrada

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza co alcalde de Brión, José Luís García, ao que lle trasladou o compromiso da Xunta para redactar o proxecto de acondicionamento da estrada AC-543. “Quero agradecer a boa disposición da conselleira Ethel Vázquez, pois aceptou todas as propostas que lle presentamos e comprometeuse a impulsar unha obra moi necesaria para o concello”, asegurou José Luís García, quen adiantou que “o Concello de Brión fará todo o que estea na súa man para axudar no posible, toda vez que comprobamos que a colaboración da conselleira foi total”.

O proxecto de mellora centrarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 8+380 e 9+780 da AC-543, concretamente dende o límite con Bertamiráns (Ames) ata o treito no que o Goberno galego executou a senda peonil e ciclista que comunica a urbanización Monte Devesa con aldea de Buio. Unhas actuacións que terán especial importancia no primeiro tramo, o da avenida da Maía ao seu paso pola localidade do Tremo, parroquia dos Ánxeles.

Así, o proxecto definirá as actuacións necesarias para incrementar a seguridade viaria nesta estrada entre as que se inclúen a rehabilitación da capa de rodadura, a substitución das actuais beirarrúas por outras máis anchas ou a mellora da sinalización. Neste sentido, José Luís García explica que “as beirarrúas actuais foron executadas no seu día polo Concello e teñen un ancho insuficiente, polo que provocan problemas á hora de circular cun carriño de bebé ou cunha cadeira de rodas. Coa reorganización que lle propuxemos á conselleira conseguiremos ampliar o ancho desas beirarrúas e tamén corrixir o peralte da rotonda”.

Peralte da rotonda

Neste sentido, o alcalde brionés trasladoulle á conselleira a necesidade de corrixir o peralte da rotonda na intersección da avenida da Maía e a AC-304, executada hai uns anos pola propia Consellería de Infraestruturas. Unha rotonda onde se teñen producido varias saídas de vía en épocas de choiva e onde incluso un par de vehículos chegaron a chocar contra o estanco emprazado na zona ao longo do ano pasado.

Pola súa banda, a Xunta precisou que todas as actuacións previstas nesta estrada non precisan da realización dun procedemento expropiatorio e destacou que continúa a colaborar cos municipios para resolver as súas carencias en materias de infraestruturas e proporcionarlles aos cidadáns unha rede viaria eficaz e segura que redunde na mellora da calidade de vida e no incremento da competitividade.

Finalmente, José Luís García comprometeuse a que o Concello aceptará a titularidade dese tramo da AC-543 unha vez estean rematadas as obras. “Deste xeito poderemos impulsar algunhas actuacións que consideramos de moito interese para a nosa veciñanza”, adianta García.