A Concelleira de Esquerda Unida, Olga Santos, ven de solicitar reunión aos grupos da oposición na que concretar as accións legais pertinentes así como os responsables das mesmas.
Ante as últimas noticias e manifestacións do Goberno de Cambre e concretamente do concelleiro de urbanismo, sobre as presuntas ilegalidades do Pabellón de Anceis, Esquerda Unida considera necesario que a oposición estude de xeito conxunto estas acción, pois o Goberno de UxC, co apio do PSOE, está a culpar aos propios veciños da súa irresponsabilidade. Un asunto que transcende as nosas fronteiras que incluso espertou a preocupación do propio alcalde de Oleiros, ao que dende Esquerda Unida invitamos a que asista á reunión.
Olga Santos ten claro que a importancia do asunto esixe responsabilidade e traballo conxunto do resto de grupos en defensa da legalidade e das veciñas e veciños do concello, “non pode ser que pola neglixencia do Goberno se comentan presuntas ilegalidades que prexudiquen ao pobo de Cambre e o patrimonio público do concello”.
A concelleira tamén incide na responsabilidade que resulta esixible aos cargos públicos “ temos a obriga de velar pola ética e a legalidade, e de actuar conxuntamente na defensa do interese xeral”, por iso dende Esquerda Unida, solicitouse unha reunión conxunta ao resto de Grupos, para o estudo e posta en marcha das accións legais que no seu caso correspondan.