A iniciativa financiarase con fondos da Xunta de Galicia, e en colaboración con outros tres concellos
A corporación municipal de Padrón deu onte, en sesión plenaria, luz verde ao proxecto de Prevención de drogodependencia dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 18 anos, que desenvolverán cos concellos de Rois, Dodro e Valga. Cunha subvención de case 72.000 euros por parte da administración autonómica e a aportación dos catro gobernos locais, porán en marcha a contratación de dous técnicos de prevención que durante os próximos anos desenvolverán varios programas de prevención, visitarán e atenderán ao alumnado das diferentes escolas destas catro localidades, e responsabilizaranse do programa específico para prever o consumo de drogas duras e brandas en adolescentes e nenos e nenas de Primaria. Se ben, un dos aspectos máis destacados deste plan é que tamén pon o foco nas adicións as TIC. A dependencia das novas tecnoloxías é cada vez máis común entre os rapaces e rapazas, e pode provocar un deterioro das relacións persoais e alterar o curso normal da súa vida. Segundo os últimos datos do goberno o 18% da poboación entre os 14 e 18 anos realiza un uso abusivo das novas tecnoloxías. Este proxecto é unha mostra da sensibilidade do executivo local cos problemas das novas xeracións en Padrón, e da súa implicación activa para atopar solucións.
Nesta xornada tamén se aprobou a compatibilidade de tres traballadores do concello, e se debateron numerosos temas de xestión, como o arranxo de fochancas na N-550 e na zona de Pazos, nas que o Executivo xa está traballando, e polas que se reunirá co responsable destas infraestruturas do goberno autonómico. En resposta a preguntas da oposición, o equipo de goberno tamén explicou que o GES de Padrón asumirá só emerxencias moi puntuais en Pontecesures, Valga e Catoira, e que agora xa non terán que facer fronte as velutinas, xa que a Xunta puxo en marcha un novo protocolo e responsabilizarase desta loita. Así, os catro equipos de tres persoas poderán asumir un maior territorio sen que o servicio sufra un deterioro.