Friday 22 de November de 2024

Frades abre a inscrición no concurso de disfraces de Entroido, que repartirá máis de mil euros en premios o domingo 23 de febreiro


O Concello programa tamén unha Festa do Entroido o 24 de febreiro e un campamento de concentración gratuíto para os días 24 e 26

O Concello de Frades abre o prazo de inscrición no seu tradicional concurso de disfraces, que terá lugar o domingo 23 de febreiro, ás 17:00 horas, no pavillón municipal de Ponte Carreira. Un concurso aberto a todos cantos se anoten no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663 antes das 14:00 horas do venres 21 de febreiro, xa que non se aceptarán inscricións o mesmo día do concurso.

O Concello de Frades repartirá máis dun milleiro de euros en premios. Os dorsais dos participantes poderán recollerse no propio pavillón polideportivo de Ponte Carreira o día do concurso a partir das 16:30 horas. Se algún participante precisa dunha música concreta para a actuación deberá entregala no Concello antes de que remate o prazo de inscrición.

Premios

O concurso mantén as dúas categorías: infantil (ata 14 anos) e adultos (máis de 14 anos); e dúas modalidades: individual (1 ou 2 compoñentes) e grupos (máis de dous compoñentes). O xurado premiará os dous mellores disfraces de cada categoría. As bases recollen que se nun grupo infantil hai un adulto, a agrupación pasará de xeito automático a competir na categoría de adultos.

Haberá premios de 300, 150 e 75 euros para os mellores grupos adultos; así como 100 e 50 euros na categoría individual. Na categoría infantil, os gañadores do concurso de grupos levarán 100, 50 e 30 euros, respectivamente; mentres que os gañadores do concurso individual infantil levarán 60 e 30 euros. Os premios especiais aos mellores disfraces individuais ou grupos de Frades, sempre que non foran premiados noutra categoría, serán de 125, 75 e 50 euros.

Durante toda a tarde, o pavillón municipal de Ponte Carreira acollerá tamén unha gran festa de animación con xogos, inchables, obradoiros, mascotas, música, fotomatón e unha gran chocolatada con rosca.

Programa de entroido

O Concurso de Disfraces será o pistoletazo de saída ás festas do Entroido en Frades, que inclúen un campamento gratuíto de conciliación para o luns 24 e o mércores 26 de febreiro, de 9:30 a 13:30 horas. Dirixido a nenos e nenas en idade escolar, o campamento incluirá xogos, obradoiros, contacontos e moitas sorpresas de Entroido. A participación é totalmente gratuíta, se ben o número de prazas é limitado polo que é necesario inscribirse antes do 21 de febreiro no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663.

Así mesmo, durante a tarde do luns 24 de febreiro, de 16:00 a 19:00 horas, terá lugar no multiúsos de Frades unha gran Festa de Entroido. Haberá obradoiros de Entroido, taller de maquillaxe, merenda e agasallos para todos os nenos e nenas que veñan disfrazados. A participación é gratuíta, se ben por razóns de organización é preciso anotarse previamente no Concello antes do 21 de febreiro. Os e as menores de 4 anos deberán ir acompañados/as por unha persoa adulta.