Saturday 16 de November de 2024

O Concello e a Escola de Arquitectura colaborarán no futuro deseño urbanístico da cidade


 

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, reuniuse esta mañá co equipo directivo da Escola, que lle manifestou a súa total disposición a traballar man a man co Goberno local

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, mantivo esta mañá un encontro co equipo directivo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña encabezado polo seu director, Plácido Lizancos, que serviu para perfilar as liñas de cooperación entre ambas as institucións no futuro deseño urbanístico da cidade e que supón, manifestou Lizancos, o primeiro paso para “construír unha plataforma de colaboración que implique e beneficie a toda a cidadanía da Coruña e da súa área, xa que temos un teito e un chan común” e “somos coñecedores da realidade social da cidade”.

Tanto o edil de Urbanismo como o director da Escola coincidiron en sinalaren a necesidade de crear sinerxías para construír unha Coruña “máis accesible e sustentable”. Para Villoslada, non se pode concibir o desenvolvemento urbanístico da cidade sen contar coa experiencia e o apoio da institución académica. A cidade, explicou Villoslada, atópase nun momento de cambio e enfróntase a numerosos retos (climáticos, de mobilidade, de novos usos dos espazos públicos) ante os cales é impensable actuar sen a colaboración da Escola de Arquitectura, e viceversa. “Sería desaproveitar recursos públicos”, dixo. A intención é que o Goberno local e a Escola colaboren en materia de mobilidade, de espazos públicos e de sustentabilidade. “A experiencia da Escola axudaranos a pór os alicerces da Coruña do futuro identificando os problemas e buscando as solucións máis adecuadas”, subliñou.

Neste sentido, Plácido Lizancos expresou o desexo da Escola de poñer ao servizo da cidade todo o seu potencial, experiencia e capacidades e “de transformar esas capacidades en accións concretas a curto, medio e longo prazo”.

A Escola, dixo, ten a capacidade de ler a cidade e de producir materiais que as persoas que a dirixen poden utilizar para levar a cabo os seus proxectos e, doutra banda, a capacidade didáctica para axudar as institucións municipais e a cidadanía a construír unha cultura arquitectónica e urbanística contemporánea, inclusiva, social e comprometida co medio, como vén facendo, con máis ou menos acerto, desde a súa creación. “Hoxe preocúpanos construír o noso lugar no mundo global, ser parte dunha sociedade que non deixe a ninguén atrás e comprometida co planeta”, explicou Lizancos.

Na reunión tamén estiveron presentes os subdirectores da Escola, Carlos Quintáns, Zaida García Requejo e Dolores Otero, a directora da área de Urbanismo do Concello, María Hernández, e persoal técnico da concellería.