Thursday 21 de November de 2024

A corporación de San Sadurniño votará este xoves o plan de prevención de incendios forestais e a regulamentación do servizo de taxis


O primeiro pleno deste 2020, que se celebra este xoves 30 de xaneiro ás 19.30h., componse dunha decena de asuntos entre os que destacan tres: un recoñecemento de facturas por subministracións enerxéticas, a aprobación do regulamento do servizo de taxi no municipio e a votación do Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de San Sadurniño, elaborado pola empresa pública SEAGA ao abeiro dun convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp. Na orde do día tamén se incluíron pola vía ordinaria dúas mocións do PSdeG-PSOE e outras dúas do BNG. O representante socialista reclamará un novo sistema de finanzamento para o SAF e a restitución do servizo de pediatría, mentres que as mocións nacionalistas reivindican unha sanidade pública de calidade e medidas que freen “o drama social e nacional” da emigración.
Seguindo a orde do día, o pleno tratará en primeiro lugar a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de créditos para efectuar o pagamento de facturas de subministración enerxética de 2019 rexistradas nos últimos días de decembro, co exercicio económico xa pechado, pero tamén de facturas correspondentes a 2015 e 2017 que Gas Natural non presentara correctamente no seu momento. Estas circunstancias obrigan agora ao Concello a levar todas esas facturas a pleno para recoñecer os importes e efectuar o pagamento. Son uns 200 recibos da rede de iluminación pública cun importe total de algo máis de 53.000 euros. Preto de 30.000 son do exercicio 2019 e os 23.000 euros restantes pertencen a anos anteriores que o Concello non puido aceptar posto que a empresa distribuidora non as cursou a través da plataforma de facturación electrónica, tal e como lle esixe a lei.
Máis en detalle trátase unha relación con gastos facturados no 2019 a nome de Gas Natural S.U.R. SDG S.A., que tiveron entrada na plataforma de facturación electrónica o día 14 de decembro, por un importe de 11.344,48 euros; unha relación con gastos facturados no 2019 por un importe de 1.769,86 euros que non se tramitaron mediante facturación electrónica no ano 2017; unha relación con gastos facturados no 2019 a nome de Gas Natural Servizos SDG S.A., que tiveron entrada na plataforma de facturación electónica o día 05/12/2019, por un importe de 18.439,22 euros e unha relación con gastos facturados no 2019 a nome de Gas Natural S.U.R. SDG S.A., por un importe de 21.615,09 euros que non se tramitaron mediante facturación electrónica no ano 2015.
Faise constar que o importe total das facturas pendientes de pago do exercicio 2019 ascende a 29.783,70 euros.
O total das facturas que non puideron ser aprobados no exercicio correspondente, por falla de crédito nas partidas correspondentes e de 53.168,65 euros; polo que debe recorrerse á figura do recoñecemento extraxudicial de crédito.
No referido ao regulamento do servizo de taxis en San Sadurniño, o que se someterá a debate plenario será un texto sobre as competencias municipais ao respecto desta actividade. Ata o momento o Concello só dispuña de normativa sobre a taxa das licenzas existentes, pero non dunha regulamentación específica que o recollese todo: requisitos e xestión das licenzas, vixencia, condicións que deben cumprir as persoas titulares, características dos vehículos e mesmo a maneira en que deben estar identificados como taxis de San Sadurniño.
O terceiro grande punto da orde do día atende á ratificación por parte do pleno do Plan de Prevención de incendios forestais. Un documento elaborado por SEAGA onde se establecen as faixas secundarias de defensa contra os lumes ao redor dos núcleos de poboación de todo o territorio. O plan é froito dun acordo suscrito entre a empresa pública, a Xunta e a FEGAMP -ao que San Sadurniño se adheriu-, que lles ofrece aos municipios a posibilidade de contar tanto co documento técnico como co servizo de control da biomasa.
Unha vez se vote este asunto, a sesión entrará no apartado das mocións presentadas pola vía ordinaria polo PSdeG-PSOE e polo BNG relativas ao finanzamento dos Servizos de Axuda no Fogar dos municipios, á restitución da atención pediátrica, sobre a reivindicación dunha sanidade pública con suficientes recursos económicos e humanos e ao respecto de medidas que freen a emigración e promovan o retorno da mocidade que marchou ao estranxeiro nos últimos anos na busca de oportunidades que non atopaba no país.
Ao tratarse dun pleno ordinario tamén haberá apartado de rogos e preguntas. Esta circunstancia, unida ao contido orientado ao debate político das catro mocións rexistradas, fai prever unha sesión cunha duración superior á media das últimas citas.