A alcaldesa asistiu hoxe xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo á presentación do proxecto para a ampliación do complexo hospitalario
A alcaldesa, Inés Rey, celebrou hoxe que o SERGAS tomase a decisión da construción do novo CHUAC na localización actual, o que suporá unha ampliación do complexo sanitario nos terreos lindeiros do xa existente.
A alcaldesa destacou que unha das xoias da Coruña é o seu gran hospital público: o CHUAC, un centro hospitalario de referencia en España e en Europa en Innovación e Calidade, “o CHUAC é un orgullo de país e de cidade pero A Coruña sempre presumiu de ambiciosa e existen elementos moi satisfactorios mais tamén moitas necesidades por cubrir”.
Sinalou que esta ampliación é, sen dúbida, unha gran noticia para A Coruña e que “abre unha porta de futuro a medio prazo pero no curto non podemos perder de vista a procura de solucións aos colapsos en Urxencias, os problemas de mobilidade para chegar aos hospitais, xunto con outras moitas cuestións, ben coñecidas e creo que tamén asumidas”. Este proxecto é unha resposta a ese medio millón de persoas, “usuarios e usuarias que saben que a aposta por unha Sanidade Pública universal, gratuíta e de calidade supón un piar irrenunciable do Estado de Benestar que tanto custou construír e que debemos coidar día a día”.
Nota de Prensa
Por outra banda, Inés Rey recoñeceu o labor dos milleiros de traballadoras/es deste centro hospitalario, “un patrimonio humano de honra que merece ser tratado como tal” e destacou a necesidade de escoitalos e de pór as institucións ao seu servizo.
A alcaldesa tamén celebrou que a ampliación do CHUAC for entendida como un proceso de discreción e colaboración entre os distintos gobernos e que nos derradeiros meses quedase fóra totalmente dos debates partidistas. Houbo varias alternativas e diferentes opinións, pero destacou o respecto e a tranquilidade con que se traballou neste proxecto, ata que finalmente o traballo técnico deu os seus froitos que, ao seu parecer, foron moi satisfactorios.
Referíndose ao presidente da Xunta, expresoulle que, aínda que desde a diferenza, terá unha aliada na Alcaldía da Coruña cando se trate de mellorar a vida da cidadanía, obxectivo que pasa polos tres eixes de benestar básicos: a Sanidade Pública, a Saúde e os Coidados.