Friday 22 de November de 2024

Un total de 7.600 estudantes participan este xoves na segunda Marcha Mundial sobre a Paz e a Non Violencia


O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presentou a iniciativa en que 17 centros escolares da Coruña e súa área abandeirarán o mesmo berro contra os conflitos internacionais e locais

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, presentou esta mañá a segunda Marcha Mundial na Coruña sobre a Paz e a Non Violencia, que terá lugar este xoves e en que participarán preto de 7.600 rapazas e rapaces de 17 centros educativos da Coruña e da súa área e que, como o explicou o edil, reivindicarán a paz e a concordia: “Unha educación sen valores é unha educación sen sentido, pobre e sen ningún referente. Grazas aos profesores e profesoras, directoras e directores, conséguense mellores persoas, capaces de adquiriren coñecementos e unha boa preparación para o futuro”. A voceira da segunda Marcha Mundial na cidade, Marisa Fernández, remarcou este agradecemento á comunidade educativa por se involucrar nas actividades que realizan as diversas organizacións, en concreto, nesta que conmemora o Día Internacional Escolar da Non Violencia e a Paz, no día en que asasinaron a Gandhi.

A representante valorou a participación activa do estudantado porque “sen elas/es non sería posible” e falou de que a iniciativa conciencia sobre a necesidade de resolvermos conflitos internacionais, rexionais, locais e persoais a través da non violencia: “Cómpre percorrermos un novo camiño para afrontar os retos que nos toca vivir e superar esta etapa”. Fernández explicou que hai un soño latente nas novas xeracións que é o de vivirmos nun mundo pacífico e deulle paso ao coordinador da actividade, Carlos Reguera, que lembrou que en maio do ano pasado xuntaron a máis de 4.000 estudantes nunha cadea humana, unha acción previa a esta marcha en que levan traballando meses nos centros escolares para
Nota de Prensa

representaren nela símbolos como figuras da paz, palabras de non violencia e pontes humanas. Ademais, a Torre de Hércules iluminarase de azul na noite de xoves.

Pola súa parte, a directora do CEIP Concepción Arenal, Shyra Flecha, explicou que “a nosa actitude foi sempre a de colaborar en todas as iniciativas que supoñan un reto para o alumnado, co fin de o concienciar desta marcha pola non violencia e, sobre todo, pola paz”.