Varios puntos do territorio -principalmente de Santa Mariña, Lamas e Bardaos- sufriron nos últimos días numerosos cortes na subministración eléctrica. Nada novo, posto que a situación vén repetindose desde hai tempo en fogares da zona norleste do concello que obteñen a luz de UFD Distribución Electricidad S.A., a antiga FENOSA. Os problemas foron especialmente molestos a empezos da semana pasada, con interrupcións constantes ao longo do día que impedían facer unha vida normal. Ante as queixas veciñais, o Concello cursou dúas solicitudes -unha á Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia e outra á distribuidora- de cara a que se lle poña remedio a unha situación causada segundo o consistorio polo falla de mantemento das liñas e acompañada, ademais, por unha “calidade deficiente” no servizo de atención ante incidencias.
Tal e como se sinala en ambas misivas asinadas polo alcalde, “en moitos casos” a causa das avarías estaría no “pésimo estado de conservación” da rede eléctrica da antiga FENOSA, formada por elementos “dunha elevada antigüidade e sen sistemas axeitados de protección”, segundo denuncia o Concello. As condicións da infraestrutura -postes e cables- ten como consecuencia que “un pouco de vento implique, moitas veces, a caída do tendido e o corte no subministro, cando non incendios forestais”.
“A esta situación hai que engadir -prosegue o texto- que o servizo de comunicación de avarías do que dispón a empresa distribuidora ten unha calidade deficiente, e o seu funcionamento é complicado, nomeadamente para as persoas maiores, que son unha parte importante da nosa poboación municipal”. Para o consistorio, tanto os problemas que motivan as interrupcións como a inadecuada atención das reclamacións veciñais teñen a súa raíz “nas políticas de redución de custos e de maximización de beneficios que están a aplicar as grandes compañías eléctricas”.
A mercede das distribuidoras e da normativa
Ante cortes de subministración, sexan curtos ou longos, a realidade é que as persoas usuarias pouco poden facer para mellorar. Están literalmente nas mans das compañías distribuidoras, é dicir, as empresas encargadas de levar a luz ata as casas, que son distintas das comercializadoras que facturan o consumo e o servizo.
Como consumidores e consumidoras podemos cambiar de comercializadora en calquera momento, pero non de distribuidora. O sistema eléctrico estatal tenlle asignada a cada compañía unha área xeográfica determinada e nos domicilios han de conformarse coa distribuidora que lles toque, non lles é posible cambiar aínda que se atopen a escasos metros da rede doutra empresa que ofreza maior fiabilidade no servizo ou unha resposta máis rápida ante incidencias.
En Lamas, por exemplo, hai casas que sufriron a semana pasada os cortes de subministración da antiga FENOSA e, moi pretiño, outras atendidas por Electra del Narahío que non tiveron ningún problema. Tal e como están agora as cousas e malia a proximidade, a clientela de UFD non podería pasarse a Electra del Narahío -ou a Niebladis noutros lugares-, aínda que só fixese falta tirar uns metros de cable para ter acceso a esta distribuidora. A iso tamén se refire a carta enviada polo Concello a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, indicando que “curiosamente” Electra e Niebladis -coñecidas desde sempre como Orosa e O Maestro- “teñen unhas redes de distribución en moito mellor estado e a súa resposta ante avarías é moito máis áxil e eficiente”.
En calquera caso, os usuarios e usuarias afectadas polos cortes eléctricos teñen dereito a “compensacións”. Poñemos o compensacións entre aspas porque a organización do sistema eléctrico español tamén contempla bonificacións por baixa calidade no servizo que se aplican na facturación do mes de xaneiro do ano seguinte. É dicir, as interrupcións da semana pasada compensaránselles aos afectados dentro dun ano e por un importe que nunca ou case nunca cobre as molestias ocasionadas. Iso si, sempre cabe a posibilidade de reclamarlle á comercializadora que traslade a bonificación ao próximo recibo, aínda que a empresa non ten obriga legal de facelo.
Cousa distinta é se se produciron desperfectos en electrodomésticos ou perdas en alimentos por causa dos cortes na subministración, sexan prolongados ou intermitentes. Nese caso si se lle pode reclamar á distribuidora, pero débese dispor de documentación acreditativa -facturas de alimentos, de reparacións acompañadas con informes nos que quede clara a orixe do dano, etc.-, xa que tamén é habitual que a empresa rexeite facerse cargo do gasto. Por esta razón, cando se dan situacións similares, é máis cómodo e rápido recorrer ao seguro de fogar para que cubra os desperfectos (sempre que figure a cláusula de danos eléctricos) e que despois sexa a aseguradora quen pelexe coa distribuidora. Cómpre lembrar, ademais, que como persoas consumidoras temos os nosos dereitos e que sempre queda a posibilidade de acudir á arbitraxe de Consumo.
Esixencia dun servizo de calidade
A carta remitida a UFD Distribución Electricidad S.A. remata instando á empresa a que mellore a calidade e a seguridade da súa rede en San Sadurniño e para que faga o propio co sistema de comunicación de incidencias, coa finalidade de que “sexa doado e accesible a calquera persoa”.
Por outra banda, a comunicación enviada á Xunta de Galicia solicita da Dirección Xeral de Enerxía e Minas que se tomen “as medidas precisas” para que as distribuidoras -nomeadamente a antiga FENOSA- garantan un servizo de calidade.