Saturday 16 de November de 2024

Corenta veciños e veciñas de Frades percorren a segunda etapa do Camiño de Santiago “Vía da Prata”, entre Allariz e Ourense


A terceira etapa, entre Ourense e Cea, terá lugar o sábado 8 de febreiro

Un total de corenta veciños e veciñas de Frades participaron na segunda etapa do Camiño de Santiago “Vía da Prata”, celebrada este sábado e organizada polo Concello de Frades. A expedición fradense cubriu os 22,4 quilómetros que separan Allariz e Ourense, etapa prevista inicialmente para o pasado 30 de novembro pero que tivo que adiarse varias veces debido ás malas condicións climatolóxicas.

Esta é a cuarta Ruta Xacobea que afronta a veciñanza de Frades, que xa ten cuberto o Camiño Francés, o Camiño de Fisterra e o Camiño de Muxía. Os 131,9 quilómetros do Camiño da Prata serán afrontados en sete etapas, que terán lugar os sábados nos que a climatoloxía o permita.

A próxima cita está fixada para o o sábado 8 de febreiro, con saída ás 7:00 horas da casa consistorial. As persoas que o desexen poderán afrontar os 22,1 quilómetros que separan Ourense de Cea. O prezo mantense nos 10 euros por persoa (non inclúe xantar) e as inscricións poden formalizarse no Concello de Frades, no 981 695 567 ou no 981 695 663.