Vázquez Mourelle lamenta o regueiro de incumprimentos que deixou o ministro Ábalos na visita a Galicia, ao non concretar cando estará o AVE ao servizo dos galegos ou cando abordará coa Xunta as medidas para mitigar as peaxes na AP-9
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, contrastou hoxe o compromiso da Xunta coa mellora da mobilidade e as infraestruturas co desprezo e incumprimento do Goberno de España ante as necesidades dos galegos.
Vázquez Mourelle lamentou que o ministro de Transporte e Mobilidade pasara estes días por Galicia e por A Coruña deixando un regueiro de incumprimentos e sen responder ás cuestións pendentes da súa responsabilidade.
Precisou que o ministro segue sen informar aos galegos con claridade respecto ao AVE, pois primeiro se comprometeu a rematar as obras a finais de 2019 e onte afirmou que pode que empece a funcionar en 2021.
Indicou que o ministro tampouco aclarou cando se van materializar eses acordos inconcretos relativos á AP-9 que asinou co BNG, nin cando vai abordar esta cuestión estratéxica coa Xunta.
Salientou que ademais o ministro non concreta as obras pendentes nas estradas, como a autovía Santiago-Lugo que avanza a ritmo case inexistente, ou a ampliación de Alfonso Molina, que A Coruña agarda desde hai décadas.
Lembrou que o Goberno galego tampouco coñece os plans do Ministerio para a conexión ferroviaria do porto de Langosteira ou para a estación intermodal, cuxa licitación se anunciou en xuño e segue pendente, sen ningunha boa noticia por parte do ADIF.
Ademais, o Executivo estatal tampouco está a abordar a mellora da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol.
Plan de Transporte Público de Galicia
Fronte a estes incumprimentos do Goberno estatal, Ethel Vázquez puxo en valor o intenso traballo da Xunta co que este ano se culminará a posta en marcha do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que suporá na área da Coruña o funcionamento de novas liñas, o incremento de servizos á universidade ou a extensión de horarios pola mañá e pola noite.
Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, realizou hoxe o percorrido da liña de autobús entre San Pedro de Nós e a parada de Entrexardíns, que foi acondicionada pola Xunta.
A responsable de Infraestruturas comprobou in situ o funcionamento dos servizos postos en marcha co Plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da cidade e co novo Plan de Transporte Público de Galicia.
Subliñou que este plan, cuxos contratos da segunda fase se licitaron o venres, incorporarán importantes melloras e novas medidas que serán efectivas tras o verán, contribuíndo de seguro a incrementar o uso do transporte público, que na contorna da Coruña co Plan de entrada dos buses interurbanos á cidade xa acadou un 14%.
Lembrou que este ambicioso proceso de renovación do mapa de liñas de autobús interurbano que culminará neste 2020 estenderá a tarxeta Xente Nova a toda Galicia, permitindo que os menores de 21 anos viaxen de balde no transporte interurbano.
Neste sentido, recordou que neste primeiro mes, xa son máis de 2.000 mozos de 19 e 20 anos os que teñen sacado esta tarxeta que lles permite viaxar de balde no autobús público -626 nesta área da Coruña.
Adiantou que o Goberno galego tamén está a traballar na modernización dos servizos de cara a poder pagar os billetes de autobús a través do teléfono móbil.
Fixo fincapé neste programa social co que a Xunta segue apostando por unha Galicia verde, moza, familiar e innovadora.