Tal como estaba previsto, o parque infantil do García Bayón reabriu o pasado mércores logo dunha profunda remodelación e dende entón son numerosos os cativos e cativas que, amparados polo bo tempo, están a disfrutar dos novos xogos de que consta esta área recreativa.
Especial sensación está a causar un xogo en forma de nasa que foi especialmente deseñado para a cidade riveirense como unha forma de poñer en valor o noso patrimonio marítimo. Consta de iluminación LED, un tobogán tubular de grandes dimensións; unha rampa de deslizamento; tres plataformas polas que a rapazada pode ascender ou descender unha a outra; unha liana de ascenso, unha rede inclinada de cuadrícula de trepa e unha zona de presas de escalada… elementos todos eles que están a facer as delicias dos máis pequenos.
Así mesmo, hai que salientar tamén a instalación de diversos xogos inclusivos pensados especialmente para persoas funcional, así como un gran domo capaz de albergar ata 25 nenos que tamén está equipado con iluminación LED, amén doutros aparatos como unha cama elástica, un balancín carrusel múltiple, etc…
Consérvanse do parque infantil anterior despois de seren restaurados o equipo combinado e a tirolina. Iso si, todo o parque infantil esténdese sobre un pavimento de caucho continuo de nova factura que afianza a seguridade dos seus usuarios
O parque ten capacidade para que un total de 140 nenos e nenas con idades de 0 a 14 anos poidan facer uso simultáneo dos xogos que alí se van situar, distribuídos en dúas zonas en función dos tramos de idade.