Saturday 16 de November de 2024

Feijóo pide que infraestruturas como o AVE non sexan vítimas de incomprensibles malabarismos coas datas e asegura que non cesará no empeño de que así sexa


Recorda que a expresión xa xeneralizada de Ave “galego” só reflicte parcialmente a súa natureza e significado, sendo en realidade o Ave “español” e o Ave “europeo”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe que infraestruturas como o AVE non sexan vítimas de incomprensibles malabarismos coas datas e aseverou que na súa obriga como presidente da Xunta non cesará no empeño de que así sexa.

Durante o acto de entrega do Premio Nacional de Arquitectura a Manuel Gallego Jorreto, Feijóo aproveitou a presenza do ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para recordar que a expresión xa xeneralizada de Ave “galego” só reflicte parcialmente a súa natureza e significado, sendo en realidade o Ave “español” e o Ave “europeo”, que forma parte dun concepto global das comunicacións e, incluso, da relación unitaria e fraterna entre os pobos que forman a nación española.

Ao respecto, e na súa condición de máximo representante do Estado en Galicia e na súa condición de presidente da Xunta, confiou en que estas dúas ideas sexan compartidas por ambas administracións.

No tocante ao premiado, Feijóo subliñou que Manuel Gallego Jorreto integra unha nutrida saga de profesionais que fan posible que a arquitectura galega teña no mundo un significado propio. “Reúnenos aquí, un paisano e compatriota que interpreta Galicia en cada obra e que aporta con cada proxecto seu un elemento máis da paisaxe”, expuxo, subliñando a modo de exemplo que, tanto o Museo de Belas Artes da Coruña como as vivendas da Illa de Arousa ou en O Carballo, son obras que melloran a vida humana mediante o deleite do visitante ou o benestar do habitante.

Logo de ver nesta distinción o recoñecemento retrospectivo á arquitectura anónima que tanto axudou a definir a identidade do pobo galego, Feijóo trasladou o compromiso da Administración galega cun desenvolvemento ordenado e harmónico, reflectido nunha política de rehabilitación de vivendas que xa se plasma na primeira lei ao respecto, e no pulo de numerosas Áreas de Rehabilitación Integral; e, cun marco normativo, desde 2009, inédito en materia urbanística, cunhas directrices de ordenación do territorio, cun plan de ordenación do litoral ou coa Lei do solo.

Así mesmo, lembrou que 2020 será o ano da aprobación da nova Lei de ordenación do territorio, ano no que a paisaxe cobrará especial protagonismo, coa aprobación do regulamento da Lei da paisaxe, a Estratexia da paisaxe galega, as Directrices da Paisaxe, o Plan cartográfico de Galicia e as novas Guías da paisaxe.