O presidente da Deputación da Coruña asinará nos próximos días dous convenios de colaboración co alcalde de Cerceda para financiar diversos proxectos de mellora da seguridade viaria no municipio. En total, o investimento previsto é de 180.000 euros.
O primeiro dos acordos aprobados polo pleno na súa sesión do pasado venres pasa pola posta en marcha dunha serie de obras no tramo do camiño de Seaone ao paso elevado sobre a AC-523. Segundo o proxecto, a actuación inclúe a reparación do firme e a ampliación da calzada un metro a cada lado do camiño. Ademais, ampliaranse as cunetas e limparase toda a zona. Finalmente, cun investimento de 90.000 euros, tamén se trasladarán seis postes que dificultan a circulación e se completará toda a sinalización horizontal con pintado de liñas de bordes, pasos de cebra e isletas.
No mesmo pleno aprobouse tamén un novo investimento de 90.000 euros nas obras de desbroce e limpeza de cunetas ao longo de toda a rede viaria municipal, co obxectivo de mellorar a visibilidade e a correcta drenaxe nos camiños. Actuarase, ao longo dun total de 59 quilómetros, nos seguintes puntos: Sucadío-Astande, Seixas-Pazos-Ouriño, Seixas-Astande, Santa Comba-Belsar, área recreativa-Rañobre, estrada de Xesteda-Tabililla a Sucadío, Mixón a Ponte Niveiro, Mixón a estrada Silva-Cerceda, estrada de Meirama-Pontoxo a Xalo, Osa Maior en Xalo, Sucadío a estrada Cerceda-Xesteda, A Silva-límite concello de Carballo, Santa Comba-Fontán, Sucadío-Liñares e Pao do Lobo-Lodeiro de Abaixo.