Friday 22 de November de 2024

O Medio Maratón C21, unha aposta decidida do Concello polo deporte sustentable


As e os deportistas lucirán dorsais fabricados con material reciclado

María Pita foi hoxe o escenario da presentación dunha nova edición do Medio Maratón Coruña 21, que percorrerá a cidade o 16 de febreiro a partir das 10.00 horas, con saída do Obelisco. A C21, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, presenta a súa cara máis ecolóxica e sustentable. As/os deportistas lucirán dorsais elaborados con papel reciclado e nas zonas de avituallamento utilizaranse bolsas biodegradables, Ademais, todas/os os atletas que cheguen á meta recibirán unha medalla finisher de madeira. A organización tamén designará xuízas e xuíces específicos que velarán pola xestión correcta dos residuos por parte das persoas participantes e realizarán enquisas para coñecer o medio de transporte que utilizaron para se desprazaren á carreira.

Todas estas novidades foron anunciadas durante a presentación pola alcaldesa, Inés Rey, que afirmou que con estas medidas que levan “a etiqueta de sustentabilidade” o que pretende o Concello é conseguir “que os eventos deportivos sexan cada vez máis sustentables e respectuosos co medio”.

A rexedora animou a todos e todas as deportistas e á veciñanza a participar na carreira. “Confiamos en bater o récord de participación”, dixo ao tempo que lembrou que “os eventos deportivos son un escaparate da nosa cidade”. Por iso, a organización en colaboración co Hospeco ofrecerá estancias con tarifas máis económicas para as persoas participantes.

Nota de Prensa

O acto contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, o delegado da Federación Galega na Coruña, Diego Paz, así como representantes de Coca Cola e El Corte Inglés, patrocinadores da proba. O presidente da FGA, Isidoro Hornillos, agradeceu o labor do Concello e sinalou que a C21 é “unha proba moi emblemática” que ofrece un percorrido moi atractivo tanto para os atletas como para as persoas que desexen desfrutar dela.

A carreira, que se disputará por un circuíto totalmente urbano, e incluída no calendario oficial das competicións da Federación Galega de Atletismo (FGA) e a Real Federación Española de Atletismo (RFEA), comezará ás 10.00 horas e contará coa presenza dos atletas Edwin Kipruto, Vestus Cheboi, Hosea Kiplimo, Samir Ait, Mónica Gutiérrez e Adawork Aberta.

A inscrición a través da pasarela de pago inserida na web www.carreirasgalegas.com poderá realizarse ata o día 2 de febreiro, cun custo de 15 euros. O segundo prazo extraordinario será desde o día 3 ata o domingo 9 de febreiro, cunha tarifa de 25 euros. As persoas que desexen inscribirse de maneira presencial poderán facelo ata o 1 de febreiro no departamento de Deportes do centro comercial El Corte Inglés. Os dorsais poderán recollerse no Corte Inglés do centro comercial de Marineda City o venres 14 de febreiro, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 15 de febreiro, das 10.000 ás 21.30 horas. De xeito extraordinario, facilitarase a recollida o día da carreira na saída, de 8.45 a 9.45 horas.

Doutra banda, para a carreira C21 a organización ofreceralles unha serie de servizos a todos os corredores e corredoras. En colaboración co Club Hércules Termaria, programou durante as próximas semanas unha serie de adestramentos para as e os deportistas que estean a preparar a carreira ou dirixidos a aquelas persoas que queiran gozar dun adestramento destas características. As preparacións, explican desde a concellería, realizaranse o días 26 de xaneiro e 2 e 9 de febreiro, ás 11.00 horas, cunha monitora ou monitor.