O vindeiro domingo 26 de xaneiro ás 19.00 h. no teatro Elma, terá lugar a proxección do filme: “Los amigos. La pinícula”.
(Acción, emoción, amor e chacinería a partes iguais)
Todo comezou hai 3 anos. Varios colegas da profesión empezaron a gravar unha historia de humor absurdo e irreverente no seu tempo libre, só por divertimento, sen pretensión.
Crearon unha páxina no Facebook onde colgaban tódolos avances e este foi quizais un punto clave no proceso, xa que en pouco tempo foron gañando adeptos e popularidade, creando cada vez máis expectación e moitas actrices e actores amigos ofrecéronse de xeito voluntario para colaboraren: Manuel Manquiña, Xosé A. Touriñán, David Amor, Federico Pérez, Pepo Suevos, David Perdomo, Marcos Pereiro, Luma Gómez, Marta Doviro…
Pero non só foron actores e actrices, senón tamén persoas relevantes da cultura galega as que participaron nesta aventura: Susana Seivane, Brais Morán, Kiko Novoa, Sevi Martínez, Gari…
En principio, a historia non era tan coral así que, para acollelos a todos, transformouse o guión. Nunca mellor dito, o título recolle perfectamente o espírito da película: “Los amigos, la pinícula”.
A este acto de proxección asistirá o director do filme, Omar Rabuñal Varela.
Organiza a Concellaría de Cultura da Pobra do Caramiñal.
Agardando poder contar coa vosa presenza e agradecendo de antemán a vosa labor de divulgación, recibide un cordial saúdo.