Por primeira vez, todas as federacións deportivas de Galicia poderán desfrutar canto antes do pagamento total do orzamento do convenio grazas á súa tramitación de xeito anticipado
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na mañá de hoxe os convenios de colaboración con 27 federacións deportivas galegas da área de Coruña para realizar na súa integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade.
Neste sentido, o Consello da Xunta autorizou o pasado mes de decembro os 58 convenios de colaboración que o Goberno galego asinará coas respectivas federacións e que ascenden a un importe de 4.392.684 euros (sumando a contía do convenio coa Federación Galega de Piragüismo para o mantemento, conservación e mantemento do Complexo Náutico e Campo de Regatas David Cal en Verducido), o que representa un aumento do 2% con respecto a 2019 (4.306.002 euros) sendo a dotación económica máis elevada desde o ano 2011. Ademais e por primeira vez, todas as federacións deportivas de Galicia poderán desfrutar canto antes do pagamento total do orzamento do convenio grazas á súa tramitación de xeito anticipado.
Os 27 convenios asinados hoxe foron os das federacións deportivas galegas de actividades subacuáticas (18.556 euros), aeronáutica (13.480 euros), atletismo (230.387 euros), baloncesto (252.102 euros), bésibol e sófbol (2.403 euros), boxeo (31.465 euros), caza (30.329 euros), chave (5.894 euros), colombofilia (7.273 euros), esgrima (33.976 euros), fútbol (255.133 euros), golf (45.367 euros), halterofilia (54.196 euros), judo e deportes asociados (141.904 euros), karate e deportes asociados (68.121 euros), natación (158.415 euros), orientación (26.338 euros), pádel (39.426 euros), patinaxe (55.642 euros), pelota (10.774 euros), pesca e casting (15.021 euros), remo (109.283 euros), rugby (46.757 euros), salvamento e socorrismo (20.111 euros), taekwondo (121.110 euros), tiro con arco (45.014 euros) e voleibol (85.277 euros).
Liñas de axudas para as federacións deportivas
O secretario xeral tamén informou que neste 2020 e xunto a estes convenios, as federacións deportivas galegas poderán optar a outras liñas de colaboración coa Xunta de Galicia. Así, as federacións deportivas serán convidadas á participar dos novos contratos de patrocinio federativos grazas á colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade para a realización de campañas de sensibilización contra a violencia de xénero e a actividades deportivas e de formación neste ámbito, así como outras liñas de patrocinio xeradas do Xacobeo 2021. Asemade, subscribiranse tamén neste ano contratos específicos para a celebración de eventos deportivos de especial relevancia e a orde de adquisición de equipamento deportivos que, para esta tempada, increméntase nun 16,6% tras o incremento do 107% rexistrado en 2019.
Cómpre destacar que no pasado exercicio 2019 as federacións deportivas galegas víronse beneficiadas cun total de 5,6 millóns de euros -sumados os importes das axudas dirixidas a actividade federativa (convenios, Igualdade, Xacobeo, patrocinio de eventos federativos e equipamento)- o que representa un incremento de preto do 50% con respecto ao ano 2018 (3,7 millóns). Ademais, se a esta cantidade engadimos o orzamento do Plan de Patrocinio de Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego, as subvencións aos clubs de base, o equipamento para entidades, as agrupacións deportivas escolares, o seguro Xogade, a Liga Galega de Traíñas e as bolsas DGAN, o presuposto para federacións e entidades deportivas ascendeu en 2019 ata os 15,5 millóns de euros, un 46% máis que en 2018 (10,6 millóns de euros).