Friday 22 de November de 2024

EU Cambre trasladará novamente ao Parlamento, da man de Eva Solla, a falta de persoal e o aumento das listas de espera do centro de saúde do Temple


A coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, preguntará mañá de novo na Comisión de Sanidade se o Goberno da Xunta, tal e como prometeu en campaña electoral, vai dotar ao Centro de Saúde do Temple dunha praza de pediatra e doutra de fisioterapeuta

Pese a que a Xunta de Galicia inaugurou en plena campaña electoral un novo centro de saúde na parroquia do Temple (Cambre), nunca chegou a dotalo de suficiente persoal que puidese facer fronte a demanda poboación. Segundo explica a concelleira de Esquerda Unida Cambre, Olga Santos, este centro recibe gran cantidade de pacientes doutros municipios: “A demanda da poboación non é só do Concello de Cambre, se non tamén de Carral, polo que se da asistencia a máis de 30.000 usuarias/os”.

“Dende Esquerda Unida Cambre levamos anos a denunciar a falta de persoal e as largas listas de espera que, unido á incapacidade da Xunta en xestionar de xeito eficaz a cobertura de prazas en caso de baixas ou vacacións, provocan situacións de colapso que repercuten directamente na cobertura sanitaria da comarca”, explica a concelleira de Esquerda Unida Cambre.

Dende Esquerda Unida lembran que fai uns meses levouse unha proposición non de lei ao Parlamento sobre este tema e o PP votou en contra. “Agora, temos anuncios en prensa de que o centro do Temple contará con máis recursos, por iso volvemos a preguntar se se vai levar a cabo estas medidas ou estamos ante un novo anuncio electoral en véspera das Eleccións Autonómicas”, di Olga Santos.

Ante esta situación, a coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, preguntará ao Parlamento de Galicia sobre a forma na que o Goberno galego está a xestionar a cobertura de prazas durante baixas e vacacións no SERGAS, así como se está previsto dotar ao Centro de Saúde do Temple dunha praza de pediatra de tarde e outra de fisioterapeuta a maiores para resolver o problema das listas de espera ou son só anuncios electorais.