A visita guiada e concertada previamente é o servizo máis empregado
Un total de 3.046 persoas visitaron o poboado mineiro das minas de San Finx durante o ano 2019, realizando un percorrido guiado polas instalacións da man de Mayte Sobradelo, licenciada en historia e técnica municipal do Concello de Lousame. Unhas visitas nas que os presentes coñecen tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
Estas 3.046 visitas supoñen un incremento do 69,2% sobre 2018, ano no que se rexistraran 1.800 visitas, e duplicar as cifras de 2017, que contou con 1.510 visitas. O último trimestre do ano volveu ser, unha vez máis, o de maior afluencia de visitantes (1.063), sobre todo pola celebración da III Andaina e Trail San Silvestre de Lousame.
“A media é duns 250 visitantes ao mes e 760 cada trimestre, salvo no primeiro trimestre do ano no que, pola propia climatoloxía, adoita ser algo menor. Algo que tamén se puido ver no mes de novembro, onde as fortes choivas minguaron as visitas ata as 95 persoas”, explica Mayte Sobradelo. Pola contra, outro mes cun gran número de visitantes foi o de agosto, no que se rexistraron 587 persoas.
Visitas guiadas
A visita guiada segue a ser o servizo de información máis empregado, o 95% do total, se ben durante o verán tamén se realizaron visitas sen reserva grazas á incorporación dunha técnica de turismo ao complexo. Neste sentido, Sobradelo Creo lembra que “estamos falando de visitas guiadas e concertadas previamente, pois nesas máis de 3.000 persoas non están incluídas as persoas que se achegan ao poboado libremente”.
Ademais dun gran número de visitantes novos, procedentes dos distintos centros educativos da comarca ou fóra dela, as minas de San Finx tamén reciben numerosas visitas de grupos de sendeirismo, que a toman como principio ou fin da ruta que leva o seu nome. Iso fai que, aínda que o visitante maioritario é residente no Barbanza, cada ano se incremente o número de visitantes do resto de Galicia.
As visitas guiadas para grupos de máis de 10 persoas poden concertase chamando ao Concello de Lousame (981 820 494) e, aínda que se adaptan as dispoñibilidades de tempo do grupo, adoitan durar entre hora e hora e media. Nese tempo, o grupo recibe unha charla no centro de interpretación das minas de San Finx onde se proxectan diapositivas sobre a historia das minas e a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio”, na posguerra civil española.
Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, os grupos visitan os distintos edificios do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.