Saturday 16 de November de 2024

Ovidio Rodeiro presenta en FITUR a ría Muros-Noia como un destino que unifica os atractivos turisticos de Galicia ao redor do mar, a natureza, a historia e gastronomía


O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na presentación de “Camiñando a Ría de Muros-Noia”, organizada polo Xeodestino Ría Muros-Noia
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou, esta tarde, nunha das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 40º edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde hoxe mércores e que rematará o venres.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a nosa comunidade ten unha oferta moi diversificada e é quen de ofrecer atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía galega. En cada zona, póñense en valor os seus mellores recursos propios, o que axuda a especializar a oferta e a desestacionalizar a chegada de visitantes, sempre con dúas premisas: a calidade e a sustentabilidade a todos os niveis”.

O representante do goberno autonómico destacou que o “apoio da Xunta aos distintos xeodestinos de Galicia ten por obxectivo a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e que se sitúen como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego”.

Dentro desta filosofía Ovidio Rodeiro participou na presentación “Camiñando a Ría de Muros-Noia”, organizada polo Xeodestino Ría Muros-Noia que conta cunha achega da Xunta de Galicia de 38.000 euros para o desenvolvemento das súas actividades.

Ademais, nesta comarca a Consellería de Cultura e Turismo asinou un convenio coa Agrupación Muros-Noia para levar a acabo o embelecemento dos recursos de turismo industrial cunha achega de case 50.000 euros e mellorouse a accesibilidade das praias de A Vouga e Bornelle cunha axuda de case 30.000 euros.

O delegado territorial tamén lembrou que a través da Xunta apoiase a Festa de Interese Turístico Gran Premio de Carrilanas de Esteiro e reforzouse o persoal de turismo en Serra de Outes, Muros, Lousame, Noia e Porto do Son. Finalmente, Ovidio Rodeiro tamén recalcou que en Porto do Son mellorouse a senda litoral entre as praias de Gafa e de Ornanda cunha achega de 41.300 euros.

En relación coas potencialidades turísticas deste destino destacou que “a mellor definición sería unha Galicia en pequeno dentro dunha Galicia máis grande, porque este espazo ten todo para extractar nunha soa viaxe a esencia da nosa comunidade”. “Praias espectaculares, paisaxes únicos, unha importante riqueza histórica chea de cultura e tradicións, unido a unha excelente gastronomía, fan que cada ano sexan máis os turistas que se animan a descubrir este espazo do sur da nosa provincia”, recalcou.

Ovidio Rodeiro puxo en valor a unidade dos concellos de Serra de Outes, Lousame, Porto do Son, Noia e Muros para acadar obxectivos comúns como a promoción turística. “Sodes un exemplo a seguir”, afirmou.

Datos turísticos
O representante do Goberno autonómico falou do comportamento positivo da demanda turística na provincia da Coruña, entre xaneiro e novembro de 2019. reflexo dunha acción conxunta de promoción de toda a comarca na que a Xunta xogou tamén un papel importante coa posta en marcha de iniciativas como Galicia Sabe, que inclúe unha batería de iniciativas para impulsar Galicia como destino enogastronómico, por poñer algún exemplo, que axudan a desestacionalizar o turismo en Galicia e a mellorar os datos.

Neste senso, afirmou que “estamos facendo un importante esforzo para poñer en valor os potenciais turísticos que caracterizan aos diferentes xeodestinos ligados á gastronomía, a paisaxe e ao patrimonio natural”.

En cuestión de turismo provincia da Coruña o número de viaxeiros, entre xaneiro e novembro de 2019, alcanzou os 1.971.958 visitantes, un 3,5% máis que o ano pasado e por primeira vez a provincia superou a barreira das 3.500.000 pernoctacións, alcanzando as 3.796.871 noites o que supuxo un incremento con respecto ao ano pasado do 5,5%. Ademais, Ovidio Rodeiro, apuntou que a estadía media increméntase un 2%.

O delegado territorial apuntou que “todo isto non sería posible sen a colaboración do todos os axentes do sector, asociacións, organizacións, empresas e profesionais que fan que os xeodestinos funcionen como un quebracabezas no que cada peza conta e nos que todos temos que colaborar”.

Ovidio Rodeiro participou nos diferentes actos programados nas diferentes xornadas de Fitur, nas que o stand de Galicia acolleu diversas presentacións. O delegado estivo acompañado polos alcaldes da provincia e as asociacións e entidades aproveitaron o espazo habilitado pola Xunta para dar a coñecer as súas ofertas.