O concelleiro Martín Fernández explica que “así evitamos posibles atascos e vertidos á ría en dous bombeos importantes, ao tempo que aumentamos a eficiencia enerxética das instalacións”
O Concello de Noia vén de rematar a instalación de cinco bombas e renovación de distintas pezas en tres pozos de bombeo emprazados en San Lázaro, Obre e Barro, este último na entrada á estación depuradora noiesa. Unhas obras que supuxeron un investimento de máis de 30.000 euros.
O concelleiro de obras, Martín Fernández Godón, explica que “con este investimento puidemos substituír as bombas actuais, de modo que non só evitaremos atascos e vertidos á ría, senón que melloraremos a eficacia enerxética das instalacións”. Neste sentido, Fernández Godón fai un chamamento á veciñanza “para que eviten tirar as toalliñas de papel polo baño e polos sumidoiros, pois xeran atascos e provocan graves problemas nas instalacións”.
Así, o Concello de Noia instalou 3 bombas somerxibles no pozo de bombeo na entrada da depuradora noiesa, no lugar de Abruñeiras (Barro). As vellas bombas foron substituídas por bombas centrífugas antideflagrantes, somerxibles ata 20 metros, cunha potencia de 9 KW e cun motor que alcanza a eficiencia IE3. Ademais, colocáronse outras dúas bombas somerxibles no pozo de bombeo da rúa Malecón de San Lázaro, fronte á pasarela peonil que cruza o río, das mesmas características cas do bombeo á EDAR.
“Estamos falando de dous bombeos de gran importancia: o bombeo de cabeceira da EDAR de Noia e nunha zona altamente poboada como é o Malecón de San Lázaro, polo que os 30.000 euros investidos suporán unha significativa mellora para o sistema de saneamento de Noia”. Finalmente, no caso do pozo de bombeo do Obre, a actuación consistiu na colocación de dúas válvulas de retención bola DN65 con bridas.
“Esta actuación, unida ás tres bombas colocadas recentemente no pozo de bombeo da Revolta, na parroquia de Barro, e aos traballos de mantemento da rede que se levan a cabo ao longo do ano, permitirán mellorar a depuración das augas residuais, evitar vertidos á nosa ría e reducir o gasto enerxético do sistema”, conclúe Martín Fernández.