O acto terá lugar no stand de Galicia ás 16.30h.
A preparación da candidatura a xeoparque da zona do Cabo Ortegal continúa desenvolvendo accións de difusión para apuntalar o proxecto. Hai uns días estreou web, desde hai semanas están en marcha as redes sociais e, ademais, tamén se acaba de publicar un espectacular vídeo que percorre os principais elementos xeolóxicos e paisaxísticos dos sete municipios promotores. Con estes elemenos e co traballo desenvolvido nos últimos anos, o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal desembarca este xoves á tarde en FITUR, un dos maiores foros mundiais do turismo, onde será presentado como destino sustentable pola Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Concellos de Ferrol. O evento para público e medios especializados desenvolverase ás 16.30h. no pavillón de Galicia -Pavillón 9, espazos 9C07 e 9C09- e nel tamén se falará do Camiño a Santo André e do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Alén de participar nestas presentacións, os concellos implicados no proxecto tamén aproveitarán a cita para acudiren a distintos actos organizados pola Rede Mundial de Xeoparques e polo Foro dos Xeoparques Españois.
No foro están integrados os 13 xeoparques UNESCO que existen nestes momentos no Estado. O organismo é parte decisoria e decisiva no proceso de admisión de novas candidaturas que, antes de obter o distintivo da UNESCO, deben pasar por dous anos de trámites. A intención de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño -os sete municipios promotores do proxecto do Cabo Ortegal- é ter toda a documentación lista para antes do 1 de abril, data en que se pecha o prazo para achegar o documento de intencións co que empeza o percorrido de calquera xeoparque.
FITUR ofrece neste sentido unha ocasión ideal para ampliar información coa que rematar de perfilar a parte técnica da candidatura, xa que ademais de ser un escaparate das principais tendencias no ámbito do turismo, tamén é lugar no que intercambiar impresións e ver experiencias exitosas que se están levando a cabo noutros xeoparques xa en funcionamento. De feito, a Rede de Xeoparques Mundiais da UNESCO conta con stand propio na feira -pavillón 4 espazo 4G28- e o foro estatal desenvolverá dous eventos especializados: o xoves 23 ás 11.00h. a presentación da revista divulgativa “Descubrir os Xeoparques de España” -expositor de Castela e León, pavillón 7, espazos 7B02 e 04- e, a partir das 15.30h, a sesión “Xeoparques, destinos innovadores de turismo sostible”, que terá lugar no stand de Turespaña, situado na parcela 9C02 do pavillón 9.
A representación do proxecto do Cabo Ortegal asistirá a ambos encontros e, ao remate do de primeira hora da tarde, trasladarase ao expositor de Galicia, que funcionará durante a feira como colector de toda a promoción turística de Xunta, deputacións, concellos e doutras institucións galegas. Alí presentarase ás 16.30h. a iniciativa do xeoparque, apoiada pola Deputación da Coruña, polos sete concellos implicados, pola Mancomunidade de Concellos de Ferrol e tamén pola Xunta, quen se comprometeu hai unhas semanas a asinar a carta de apoio que debe acompañar a manifestación de intencións que se ha de remitir antes de abril.
No acto intervirán o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, o vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente da Mancomunidade e alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Os tres estarán acompañados pola alcaldesa de Moeche e presidenta de quenda da Comunidade Intermunicipal de xestión do proxecto, Beatriz Bascoy, e polos alcaldes de Cariño, Cedeira, Cerdido, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Na presentación repasaranse brevemente as fortalezas do territorio para obter o selo de Xeoparque Mundial da UNESCO e tamén se proxectará o vídeo promocional, ademais de mostrar a web e a presenza en Facebook, Twitter, Instagram e Youtube.
Chamamento ao apoio social
A presentación en FITUR e a participación nas actividades dos xeoparques forman parte das accións promocionais do proxecto que se veñen desenvolvendo practicamente desde 2015, cando os sete municipios decidiron abandeirar unha idea proposta inicialmente pola Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. Desde aquela os concellos levaron a cabo xeorutas, xornadas técnicas e de divulgación; lograron a implicación da Deputación da Coruña nunha comunidade que impulsase o proxecto e sentaron as bases para unha asociación que se encargue da futura xestión desta figura de relevancia internacional no caso de que se logre o ansiado distintivo.
Un dos últimos pasos que se deron foi a posta en marcha das páxinas nas principais redes sociais, xunto coa produción dun pequeno vídeo que dá unha visión xeral da riqueza xeolóxica e paisaxística do territorio. Ademais, a web proxecto.xeoparquecaboortegal.gal recolle tanto a explicación sobre que son os xeoparques como os argumentos que fan da zona do Ortegal unha firme candidata a obter a cualificación, similar en canto a status a unha declaración de Patrimonio da Humanidade. No sitio tamén é posible deixar constancia sobre o apoio á candidatura, algo que se lle pide a todo o tecido social dos sete municipios e que en tan só cinco días -a web publicouse o pasado venres- xa fixeran 133 persoas, colectivos e empresas de dentro e fóra do ámbito xeográfico do proxecto.