Estas achegas da Xunta apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, comprobou o resultado das obras da Consellería de Economía, Emprego e Industria no polígono industrial de Espiñeira en Boiro que consistiron na instalación dun sistema de videovixilancia e na mellora de dous viais que contaron cunha achega da Xunta de máis 142.000 euros.
Este parque conta cunha superficie de 323.000 metros cadrados e 44 empresas instaladas no mesmo.
Ovidio Rodeiro recalcou que “unha das actuacións que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello de Boiro, consistiu en mellorar notablemente o sistema de vixilancia para que non quede ningún oco morto e ningunha empresa sen cobertura”. Para elo, instaláronse 12 novas cámaras de visión nocturna que serán compatibles coas actuais e co gravador actual.
A segunda das obras consistiu na renovación do pavimento dun tramo moi deteriorado da fase II do parque empresarial de 620 metros no que se levou a cabo o fresado, a pavimentación e a renovación das arquetas
O delegado territorial sinalou que con esta orde de axudas “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.
O representante do goberno autonómico destacou que “con esta iniciativa a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e con apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.
A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña investíronse 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.
Na comarca do Barbanza a Xunta de Galicia investiu 306.000 euros en obras en polígonos industriais de Boiro, Noia, e Ribeira. Estas actuacións son posibles grazas as achegas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que supuxeron un investimento total na comarca de 382.000 euros dos que a Xunta aportou o 80%.
Novas convocatorias
Durante a visita Ovidio Rodeiro lembrou que “hoxe mesmo a Xunta convocou as 3 liñas de axudas, cun orzamento de 7,9 M€ para apoiar unha trintena de iniciativas que permitirán impulsar a competitividade das empresas instaladas nos polígonos industriais e contribuír á captación de novos investimentos”. O prazo para solicitalas é ata o 21 de febreiro.
A principal novidade, dixo, é a oferta dunha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica á que se destinarán 4,4 M€ entre os anos 2020 e 2021. A previsión é de apoiar 5 iniciativas tendo en conta criterios como a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación, a poboación do concello ou que se trate dun concello emprendedor.
Ademais, puntualizou que Xunta tamén abriu o prazo para pedir a partir do as axudas destinadas á mellora das infraestruturas dos parques industriais. Cun orzamento de 2,5 M€, financiarase un máximo do 80% do custo global dun total de 21 proxectos presentados polos concellos.
Finalmente e con relación a terceira das ordes de axudas, o delegado territorial subliñou que a Xunta investirá 1 millón de euros para apoiar os gastos necesarios para a construción, reforma e/ou equipamento interior de naves industriais co fin de crear viveiros empresariais.
Neste caso, engadiu, o financiamento alcanzará como máximo o 80% do custo, sendo o límite de apoio de 240.000 euros por solicitude e coa aspiración de apoiar a 5 beneficiarios.