Valentín González Formoso e Mónica Rodríguez asinaron hoxe o convenio de colaboración para o ano 2020
A Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo colaborarán, un ano máis, no mantemento do servizo de atención a visitantes e a programación cultural vinculada ao castelo da localidade e aos batáns de Mosquetín.
O presidente Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, e o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio polo que o Concello seguirá ocupándose durante o ano 2020 do servizo de atención de visitantes, divulgación e organización de diversas actividades culturais tanto na emblemática fortaleza medieval coma nos batáns de Mosquetín.
Segundo estipula o texto, a Deputación abonará ao Concello de Vimianzo 97.000 euros, dos que 80.000 € se destinan aos servizos do castelo de Vimianzo e 17.000 para os batáns.
Ademáis de asumir o salario do persoal encargado das visitas guiadas en ambos os dous elementos patrimoniais durante 2020, a Deputación colabora con Vimianzo no financiamento de actividades coma a Mostra de Artesanía en Vivo do castelo, os roteiros a pé polo val de Vimianzo, as visitas teatralizadas, actuacións musiciais e visitas nocturnas que teñen lugar durante o verán e outras actividades de divulgación do castelo coma exposicións temáticas, desfile de moda e liño ou conferencias.
No caso dos batáns de Mosquetín, a axuda provincial serve tamén para financiar o servizo de atención a visitantes, actividades lúdicas, culturais e gastronómicas, charlas e publicacións en torno a este recurso etnográfico composto por seis batáns e tres muíños rehabilitados pola Deputación a finais dos anos 90.
1 2 Fotogalería