Aos 17 xestores de infraestruturas autonómicas que xa obtiveron o galardón o pasado verán súmanse outros 5 de cara á próxima edición
Un total de 22 portos autonómicos optarán en 2015 ao distintivo Bandeira Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, e que recoñece a calidade das instalacións e servizos dos peiraos deportivos, entre outros. Os clubes náuticos, marinas e empresas xestoras destas instalacións veñen de presentar a súa candidatura oficial ao galardón de cara ao vindeiro ano, impulsados por Portos de Galicia, o ente público titular do conxunto destas instalacións.
Dende Portos de Galicia, ao igual que nos últimos anos, impúlsase o recoñecemento da calidade das instalacións portuarias autonómicas a través do asesoramento técnico e administrativo ás entidades candidatas para a obtención do galardón. En concreto, este ano o ente público organizou no mes de novembro unha xornada informativa impartida polos propios técnicos de ADEAC para os xestores dos peiraos candidatos, de cara a ultimar os trámites para a presentación dos seus postulados.
No ano 2014 foron 17 os clubes náuticos operadores de portos deportivos da Xunta de Galicia, que recibiron o galardón, a saber, os clubes de Ribadeo, Viveiro, Ortigueira, Ares, Sada, Marina Sada, Camariñas, Portosín, Ribeira, Cabo de Cruz, Vilanova de Arousa, San Vicente do Mar, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Baiona e Monte Real Clube de Iates, tamén de Baiona. De cara á próxima campaña, a estes únense cinco novos clubes que veñen de presentar a súa candidatura: Muros, A Pobra do Caramiñal, Muxía, Cangas e Moaña.
A cifra do pasado verán supuxo para Portos de Galicia un novo record histórico, como viña ocurrindo nos últimos anos, dende que o galardón se ampliou das praias ás instalacións náutico recreativas. Non en ván, a cifra de peiraos autonómicos con Bandeira Azul mantivo unha constante liña ascendente dende 2009, cando se outorgaron 3 distintivos ata os 22 candidatos neste ano.
A colaboración de Portos de Galicia abarca aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para o ente público.
O impulso á calidade nos servizos e ao recoñecemento da mesma é un dos obxectivos prioritarios marcados polo Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está a desenvolver. Esta folla de ruta para os peiraos deportivos de titularidade autonómica establece a xestión sostible do litoral portuario como unha das liñas vertebradoras da acción do ente público, xunto ao deseño de infraestruturas eficientes e a ampliación da responsabilidade social corporativa, entre outras.