Saturday 23 de November de 2024

A Deputación destina 60.000 euros para financiar o servizo de atención a visitantes e a programación cultural do dolmen de Dombate


Valentín González Formoso e José Muíño Domínguez asinaron o convenio de colaboración para o ano 2020

A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños colaborarán, un ano máis, no mantemento do servizo de atención a visitantes e a programación cultural vinculada ao dolmen de Dombate.

O presidente Valentín González Formoso, o alcalde, José Muíño Domínguez, e o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, asinaron na sede da Deputación o convenio polo que o Concello seguirá ocupándose do servizo de atención de visitantes, divulgación e organización de diversas actividades culturais durante 2020 neste monumento, considerado “a catedral do megalitismo galego”, que forma parte do patrimonio histórico-artístico da institución provincial coruñesa.

Segundo estipula o texto, a Deputación abonaralle ao Concello de Cabana de Bergantiños 60.000 euros, que se destinarán á contratación de persoal de atención aos visitantes para as visitas guiadas, fomento do estudo e investigación do dolmen, organización de visitas didácticas e obradoiros de prehistoria para centros escolares da provincia e promoción de actividades culturais complementarias arredor do dolmen coma “Primavera en Dombate”, “A Ruta das Estrelas” para contemplar as Perseidas coa colaboración do físico Jorge Mira, ou as clases maxistrais musicais.

As visitas guiadas serán unicamente de fin de semana en tempada baixa (xaneiro a febreiro e do 18 de setembro ao 27 de decembro) e tamén en horario de mañá (de martes a venres, de 10 a 14 horas) entre o 1 de marzo e o 30 de xuño.

Durante o verán e a semana santa, Dombate ofrece visitas guiadas a diario, de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas, así como visitas guiadas nocturnas durante a época estival.

26.760 visitas rexistradas en 2019

Durante o ano 2019, o dolmen de Dombate recibiu 26.760 visitantes, 305 máis ca o ano anterior. Esta importante cifra de visitas sitúa a Dombate, xunto co mosteiro de Caaveiro, nun dos monumentos de referencia do patrimonio provincial.

Xullo e a agosto, con 3.814 e 6.698 visitas rexistradas, respectivamente, volven a ser os meses con maior afluencia de público; mentres que xaneiro (366) e novembro (366) foron os que contaron con menor número de visitantes.