Thursday 21 de November de 2024

A Deputación creará un grupo de traballo para estudar melloras nas infraestruturas de Malpica


González Formoso visitou hoxe o municipio, no que a Deputación investiu 3,5 millóns nos últimos catro anos

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Malpica, onde foi recibido polo alcalde, Walter Pardo Añón, e os membros da corporación municipal.

Na recepción oficial que tivo lugar no salón de plenos, o alcalde de Malpica destacou a importancia que teñen os investimentos da Deputación para mellorar os servizos, as infraestruturas e a calidade de vida dos veciños e veciñas da vila. “É difícil pasear por Malpica sen ver a pegada da Deputación”, afirmou Walter Pardo, que sostivo que a pesar deste compromiso inversor, o municipio atravesa un momento complicado e formúlase “retos de futuro” como a creación de emprego, o apoio á pesca e o agro e o impulso a servizos básicos como o saneamento e o alumeado no rural “para os que precisamos do apoio da Deputación”, apuntou o rexedor malpicán.

O presidente da Deputación cuantificou en 3,5 millóns de euros os investimentos realizados pola Deputación en Malpica nos últimos anos, “unha cantidade importante pero que nunca é suficiente para atender todas as necesidades dunha vila”. Neste sentido, en resposta aos retos estratéxicos formulados polo alcalde, anunciou a creación dun grupo de traballo “para aportar ideas que axuden a revitalizar esta vila da Costa da Morte, para ver por onde pode pasar o futuro e poñernos deberes”, afirmou.

Ademais de financiar numerosas obras a través de programas coma o Plan Único, que permitirán por exemplo dotar de novo alumeado ao campo de fútbol de Pedra Queimada, humanizar a rúa da Igrexa ou mellorar a Avenida de Canido, a Deputación impulsa iniciativas importantes para Malpica coma a Mostra de Olería de Buño ou o proxecto das Sendas dos Faros, que terá en Punta Nariga un espectacular itinerario ciclable de 14 quilómetros de longo. Durante o ano pasado, a institución provincial apoiou con 626.346 euros a 18 entidades sociais, culturais e deportivas do municipio.

Entre estas entidades figura a Confraría de Pescadores, que Valentín González e Walter Pardo visitaron tamén esta mañá e onde conversaron cos mariñeiros sobre a difícil situación que atravesa o sector.

Os responsables da Confraría e do Fogar do Pensionista mostraron tamén ao presidente un pequeno gran tesouro que alberga o edificio: oito cadros e murais orixinais que Urbano Lugrís pintou nas paredes de distintas estancias do inmoble.

Visita a Forxados El Progreso

Durante a mañá, Valentín González Formoso e Walter Pardo visitaron tamén as instalacións da empresa “Forxados El Progreso”. Acompañados do actual propietario, Eduardo López Cao, e de directivos da empresa o presidente e o alcalde coñeceron en detalle a actividade desta firma que se dedica á construción de estruturas prefabricadas para a construción.

Dende casas particulares a naves industriais ou gandeiras, pasando por pantaláns, a empresa elabora todo tipo de estruturas que comercializa dentro e fóra de Galicia.