Están dispoñibles no catálogo on-line https://bbpgal.xunta.es/gl/
Galicia conta cun banco de boas prácticas (https://bbpgal.xunta.es/gl/) que constitúe un catálogo on-line que identifica e difunde experiencias innovadoras en materia de prevención da dependencia e do envellecemento activo.
Este banco on-line é unha iniciativa que se enmarca dentro do “Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica, Visión sector 2020”, cofinanciado polo proxecto europeo ‘Envellecemento +Activo’, ao abeiro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).
A iniciativa pretende proporcionar ás persoas expertas en materia de prevención e detección da dependencia, así como ás técnicas e técnicos do resto de entidades públicas e privadas, unha ferramenta viva capaz de achegar valor engadido na xestión do coñecemento para mellorar o deseño, implantación e avaliación de futuras actuacións para a prevención da dependencia e o envellecemento activo en forma de exemplos de boas prácticas na materia.
Unha boa práctica é calquera actuación ou experiencia implantada e/ou promovida por unha administración, institución ou entidade, baseada nun proxecto e unha planificación previos, que responde de xeito innovador e satisfactorio a unha problemática do contexto, ben sexa por razón dunha nova materia de actuación ou por unha metodoloxía de excelencia.
Os criterios de avaliación permiten levar a cabo unha valoración obxectiva da experiencia que posibilita cualificar unha experiencia como boa práctica. Considérase que unha boa práctica é aquela que se adecúa aos seguintes criterios: recoñecemento, implicación da cidadanía, sistema de avaliación, responsabilidades, liderado, planificación, impacto positivo, factibilidade, transferibilidade e innovación.