Valentín González Formoso e Xan Carlos Sar asinaron hoxe o convenio de colaboración, que permitirá ao municipio dotarse dun auditorio cultural de 198 prazas na planta superior do Mercado
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o tenente alcalde de Fisterra, Xan Carlos Sar Olevira, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para financiar as obras do “Mercado Cultural” da localidade.
O proxecto suporá un investimento de 253.000 euros, dos que preto do 80% (200.000 €) serán achegados pola Deputación para facer realidade este ambicioso proxecto, que pretende dotar a Fisterra dun equipamento sociocultural do que carece na actualidade, o que obriga a desenvolver determinadas actividades culturais no Salón de Plenos do Concello, cunha capacidade moi limitada e serios problemas de accesibilidade.
O novo centro sociocultural aproveitará a planta alta do actual Mercado Mariñeiro, onde se seguirán comercializando os produtos do mar da localidade.
A planta superior, actualmente sen uso, conta cunha ampla superficie de 353 metros cadrados e acceso directo dende o nivel da rúa nas súas fachadas oeste (rúa Arasolis) e norte (rúa da Mariña), o que permitirá unha axeitada accesibilidade a todos os públicos.
As obras de adaptación do inmoble permitirán crear un auditorio con capacidade para 198 persoas, para usos sociais e culturais. O espazo contará cun escenario elevado e sistemas de iluminación e ventilación. Ademáis habilitarase un local para ensaios e unha sala de xuntas.
González Formoso destacou a importancia que este investimento ten para facer realidade este ambicioso proxecto do goberno municipal fisterrán e dotar á localidade dunha infraestrutura cultural axeitada, que permita á poboación gozar de espectáculos, cine ou teatro, así como acoller festivais, reunións e outras actividades.