Saturday 16 de November de 2024

A Deputación explica aos maiores de Fisterra o funcionamento do servizo de Teleasistencia


Persoal da área de Benestar Social da Deputación realizou unha demostración práctica do funcionamento do servizo

Persoal da área de Benestar Social da Deputación da Coruña, en colaboración cos Servizos Sociais de Fisterra, impartiron aos veciños e veciñas da localidade unha charla informativa sobre o funcionamento do servizo de Teleasistencia.

Por parte do Concello, asistiron a Concelleira de Servizos Sociais Mª Rocío Mariño López e a traballadora social municipal, mentres que por parte da Deputación presentou o programa a xefa de sección de Servizos Sociais, Carolina Buhigas, que destacou que o Programa de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación é un servizo gratuíto para as persoas maiores, non dependentes, domiciliadas nos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia que, por razón de idade, enfermidade, diversidade funcional, illamento xeográfico, desarraigo social, soidade, precisen deste servizo para mellorar a súa calidade de vida, posibilitando, con iso, a súa permanencia na súa contorna habitual.

O servizo que funciona a través da liña telefónica, cun equipamento específico, permite dar resposta inmediata ante situacións de emerxencia, con só premer un botón que levan enriba permanentemente as persoas usuarias. Así poden entrar en contacto coa central de Teleasistencia da Deputación cun “mans libres” que funciona as 24 horas do día os 365 días do ano.

As veciñas e veciños de Fisterra asistiron a unha demostración práctica e real do funcionamento do servizo, que pode ser solicitado de forma gratuíta por calquera persoa maior que viva soa ou padeza algún tipo de enfermidade.

Os técnicos da área social explicaron a necesidade de contar con algún familiar ou veciño que vivan a pouca distancia do usuario/a, e que teña unha copia das chaves do domicilio para poder entrar en caso de emerxencia.

A Deputación ampliou ata 3.300 os terminais dispoñibles para os concellos adheridos ao Programa de Teleasistencia Provincial, das que actualmente xa están funcionando máis de 2.500.