González Formoso afirma que esta liña do PEL, que incrementa o seu orzamento en 1 millón de euros con respecto ao ano pasado, “contribúe a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo”
O programa PEL-Emprende da Deputación da Coruña destina este ano 3.100.000 euros para apoiar a 406 pequenas empresas e autónomos/as da provincia nos seus investimentos e actividades.
A concesión das axudas veñen publicarse no Boletín Oficial da Provincia e supón un importante apoio económico para que estas 406 empresas poidan adquirir aplicacións informáticas, maquinaria ou equipos de procesamento de información necesarios para o crecemento e modernización dos seus negocios; así como crear tendas en liña, implementar plans de responsabilidade social empresarial, markéting e comunicación ou accións de expansión e exportación de produtos.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou o que investimento nesta liña do PEL increméntase en 1 millón de euros con respecto ao ano pasado “debido ao elevado número de solicitudes recibidas” e destacou “a utilidade das axudas do PEL-Emprende para consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo que proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, poidan, en poucos anos, chegar a consolidarse e incluso ser referencia no seu sector”.
As axudas subvencionan ata un 80% dos investimentos e actividades das empresas, con axudas que van dos 2.000 aos 20.000 euros. No caso da liña para investimentos, o 51% dos beneficiarios/as son autónomos, seguidos por un 46,5% de microempresas cun máximo de dez traballadores; mentres que no apartado de actividades un 57% son microempresas e un 33% empresarios individuais.
O 65% das empresas beneficiarias das axudas PEL-Emprende 2019 están dirixidas por mulleres e céntranse sobre todo no sector terciario. Arredor dun 90% das empresas beneficiarias enmárcanse neste sector no que destacan as actividades relacionadas co comercio, o turismo, servizos tecnolóxicos, de saúde ou de educación.
O 96% das empresas que reciben axudas do PEL-Emprende 2019 non foron beneficiarias da convocatoria anterior e preto do 15% son empresas creadas no último ano, polo que de novo a Deputación aposta por impulsar as iniciativas emprendedoras de recente creación, na liña doutras accións de apoio ao emprendemento como a posta en marcha da Rede Provincial de Espazos de Coworking, que xa conta cunha sede no Pazo de Arenaza (Oleiros) e inaugurará a vindeira semana un novo centro en Brión. Outros municipios da provincia coma Boiro, Carballo e Ames traballan tamén na posta en marcha dos seus centros desta rede PEL para emprededores/as.
Distribución por concellos e comarcas
En canto á distribución das axudas por concellos, en PEL-Emprende Investimento cabe destacar que se van beneficiar 75 empresas pertencentes ao concello da Coruña, cun total concedido de 662.968,79 €, 47 de Santiago de Compostela con 478.065 euros, e Ferrol con 31 solicitudes concedidas por un total de 346.013 €. Entre as tres suman 153 das 280 solicitudes concedidas para investimentos, o que supón un 54,64%.
Na liña PEL-Emprende para actividades concédense un total de 39 axudas a empresas con sede no concello da Coruña, que supoñen un total de 161.303,65 € , seguida de Santiago de Compostela (16 empresas que recibirán un montante de 68.685,89 €), Ames (7 solicitudes concedidas), e Ferrol, Ribeira, Cambre e Teo con 4.
En canto a distribución por comarcas, en PEL Emprende Investimento, a comarca coruñesa é a que máis subvencións recibe (662.968 €), seguida de Santiago (478.065 €), Ferrol (346.013 €), Betanzos (169.001 €), Ordes (159.222€) e Barbanza (142.946€).
Na liña de actividades, a comarca da Coruña é a que máis solicitudes concedidas ten, cun total de 56 empresas beneficiarias (44% do total) e un importe concedido de 230.225 €, seguida da comarca de Santiago con 30 empresas beneficiarias e una contía subvencionada de 122.534 €