Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña aproba dúas novas liñas do PEL para potenciar a creación de emprego para a mocidade no rural


As liñas PEL- Rurinnova e PEL-Relevo suman un investimento de 918.000 euros para a posta en marcha de 60 proxectos empresariais e a contratación de 80 mozos e mozas menores de 30 anos nos municipios máis pequenos da provincia

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade dúas novas liñas do Plan de Empleo Local (PEL) destinadas a potenciar a posta en marcha de proxectos empresariais e a creación de emprego para a mocidade nos concellos máis pequenos e rurais da provincia da Coruña.

As novas liñas PEL-Rurinnova e PEL-Relevo suman un investimento global de 918.000 euros, cofinanciados nun 91% polo Fondo Social Europeo (FSE), e teñen como obxectivo apoiar a inserción laboral, o autoemprego e o emprendemento entre os mozos e mozas de menos de 30 anos dos concellos coruñeses con poboación inferior aos 5.000 habitantes ou naqueles municipios con menos de 10.000 habitantes que presenten un saldo demográfico negativo na última década.

A Deputación activa así dous novos programas do PEL orientados a enfrontar a perda de poboación do rural coruñés, que será unha das liñas estratéxicas da acción do goberno provincial nos vindeiros anos segundo anunciou o presidente, Valentín González Formoso, ao inicio do mandato. Ambas as dúas liñas pretenden facilitar que a mocidade poida atopar oportunidades laborais ou crear a súa propia empresa sen ter que abandonar o rural.

Posta en marcha de 60 proxectos empresariais

O programa PEL-Rurinnova, dotado con 486.000 euros, financiará a posta en marcha de 60 proxectos empresariais innovadores por parte de mozas e mozos menores de 30 anos durante o ano 2020. Ademais de axudas ao autoemprego, por un importe de ata 8.100 euros, esta liña inclúe un amplo calendario de actividades de formación, asesoramento e soporte para os emprendedores/as durante o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación dos seus diferentes plans e liñas de negocio, así como o futuro apoio aos mesmos dende a Rede Provincial de Espazos de Coworking.

Continuando coa súa liña de apoio ao emprendemento sostible, a Deputación priorizará o acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible e responsabilidade social empresarial no seu modelo de negocio.

80 novas contratacións para garantir o relevo xeracional

Por outra banda, a nova liña PEL-Relevo contará cun orzamento de 432.000 euros para incentivar a contratación de 80 mozos e mozas menores de 30 anos en empresas implantadas nos concellos máis pequenos da provincia. Os contratos deberán ser indefinidos e a tempo completo, tendo a obriga de mantelos un mínimo de seis meses, e teñen como obxectivo facilitar o relevo xeracional dos cadros de traballadores das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.

Ademais da subvención á contratación destes 80 mozos e mozas, que complementan as liñas de acción do programa PEL-PEMES que este ano facilitan a inserción laboral de outras 178 persoas, a nova liña PEL-Relevo ofrecerá tamén accións formativas para os/as traballadores/as en colaboración coa Rede Provincial de Espazos de Coworking.

Outros proxectos PEL con financiamento europeo para o rural

Desde a posta en marcha do Plan de Emprego Local (PEL), a aprobación de proxectos con financiamento europeo que benefician ao rural coruñés ten sido unha constante habitual e, actualmente, atópanse catro en fase de desenvolvemento e execución.

Entre eles, destaca o programa PEL-Emprego Sostible No Eido Rural, cun orzamento de 5,3 millóns de euros cofinanciado con fondos do FSE, que ten como finalidade mellorar a inserción sociolaboral de 855 persoas en situación ou risco de exclusión social no territorio rural da provincia da Coruña a través da activación de itinerarios integrados e personalizados de inserción sociolaboral en sectores de actividade que teñen un maior potencial de crecemento como son o sector forestal, de turismo, servizos de atención a colectivos con necesidades especiais, agricultura e gandaría

Outras accións importantes son o proxecto EIXO (Estratexia de Insercción Xove), centrado na mellora da empregabilidade da mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a través da formación estruturada en itinerarios coma comercio, márketing e loxística; actividade físico-deportiva; seguridade e medio ambiente ou información e comunicación. Tamén destaca o proxecto AMAdeira, aprobado no marco do Programa Empleaverde da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co apoio económico do FSE, que ten por obxectivo a sustentabilidade e a posta en valor do castiñeiro no concello de Cerdido e na comarca de Ortegal.