Friday 22 de November de 2024

Medio Rural e Mar transferiu esta semana 38,5 millóns de euros a uns 15.000 beneficiarios en pagos de varias axudas da PAC 2014


A maior parte dos fondos corresponden ao concepto de vacas nutrices, sendo outro apartado importante o referido ao pagamento único

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ven de transferir esta semana un total de 38.563.065,18 euros a uns 15.000 beneficiarios en concepto de pago de varias axudas da solicitude unificada da PAC 2014.

A maior parte dos fondos corresponden ao concepto de vacas nutrices (17.178.422,23 euros), sendo outro apartado importante o referido ao pagamento único (13.456.192,66 euros). Tamén dentro deste capítulo de pagos directos, destínanse 3,9 millóns de euros para atender as desvantaxes específicas de vacas nutrices e 2,7 millóns de euros para o concepto de desvantaxes específicas de vacún de leite.

A maiores, no eido do desenvolvemento rural (segundo piar da PAC), fixéronse pagamentos por importe de 943.448,68 euros correspondentes á indemnización compensatoria de montaña e doutros 308.305,36 euros á indemnización compensatoria doutras zonas.

Estes pagos sumaranse aos xa realizados desde finais de outubro en concepto de indemnizacións compensatorias (8.826.859,65 euros) e pagos directos (134.082.573,41 euros), polo que o importe total transferido das axudas da solicitude unificada da PAC 2014 ascenderá a 144.774.309,10 euros.

Como é habitual no pago de axudas directas da PAC, os beneficiarios que indicaron o seu teléfono móbil nas súas solicitudes recibirán unha mensaxe indicándolles o importe transferido e o concepto.