Friday 22 de November de 2024

O Plan Único da Deputación inviste 203.000 euros na reforma do colexio Virxe da Cela de Monfero e o acondicionamento do seu entorno


 

As obras, en fase de licitación, inclúen unha completa reforma exterior do centro escolar e a adaptación do parque infantil á actual normativa de seguridade

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+2019), investirá 202.903,45 euros nas obras de reforma e acondicionamento do CPI Virxe da Cela de Monfero, o parque infantil anexo e a mellora das inmediacións do centro escolar, onde se atopa o polideportivo e o campo de fútbol.

As obras, que xa están en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado, suporán unha importante mellora do aspecto exterior deste colexio público, cuxa fachada atópase actualmente nun deficiente estado de conservación, con numerosas gretas, desconchados da pintura e filtracións de humidade.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o Plan Único permitirá “un lavado de cara en profunidade” desta instalación educativa, “mellorando a habitabilidade para o alumnado e o seu aspecto exterior, así como a seguridade do parque no que xogan os rapaces”.

O presidente lembrou que son os propios concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os fondos que lles achega a Deputación a través do Plan Único e “que son varios os concellos da provincia que decidiron destinar parte dos fondos a mellorar centros escolares, nalgúns casos con investimentos importantes coma este de Monfero, que o Concello non podería asumir por sí só, o que amosa a utilidade deste plan para os municipios coruñeses”, afirmou-

O proxecto pretende renovar completamente o aspecto do inmoble, cunha limpeza en profundidade das fachadas mediante lanza de auga a presión, cepillado manual dos aleros, retirada completa dos restos das pinturas antiguas e proxección de chorro de partículas de silicato de aluminio, que contribuirán a eliminar toda a suciedade superficial e a ferraxe.

Posteriormente, repararanse as gretas existentes, aplicarase un tratamento anti corrosión e humidades e un emplastecido e pintado completado da fachada que mellorará a súa impermeabilización. Tamén se retirarán os actuais canalóns e baixantes de PVC para substituílos por outros de aluminio anodizado.

Na área de xogos infantís adxacente, os traballos consistirán an restauración dos xogos infantís (limpeza, lixado, axuste de pezas, repintado…) e a súa adaptación ás normativas de seguridade vixentes, así como a renovación completa do firme, actualmente de baldosa e area, por un novo solo de caucho que ofreza maior protección contra as caídas e que sexa acorde coa normativa europea de seguridade para estas instalacións de xogos infantís.

Finalmente, o proxecto contempla a mellora do terreno anexo e a prantación de céspede.