Friday 22 de November de 2024

ConcienciArte e a Comisión de festas de Bardaos propoñen varias actividades para as próximas semanas


 

Chéganos aviso de catro actividades propostas pola asociación ConcienciArte e pola comisión de festas de Bardaos 2020, coas que encher o tempo de lecer de varios días durante as próximas semanas. No caso de ConcienciArte teremos unha sesión de meditación, un curso acelerado de arte Bonsai e un taller de cosmética con produtos naturais, mentres que en Bardaos andan xa cos preparativos das festas de Santa María e San Pipote e, como primeira acción do ano, programaron un cocido de Entroido que se servirá no local social o próximo 15 de febreiro acompañado de música ao vivo. Repasemos con máis detalle o que nos ofrecen ambos colectivos.

A primeira cita témola este sábado 25 de xaneiro ás 17.00h. na antiga escola de Silvalonga, co obradoiro titulado “2º Encontro de Buscadores cósmicos” de ConcienciArte. Non se trata dunha charla sobre estrelas ou observación do firmamento, senón dun taller para debater e reflexionar sobre a percepción da realidade e, principalmente, sobre a imaxe dela que nos trasladan dela os medios de comunicación e outros estímulos externos.

¿Lembrades a película “The Matrix”?. Para quen non a vise -e sen ánimo de facelle spoilers- podemos contar que o filme basea a súa trama nun personaxe que descobre que o seu día a día non é real, senón resultado dunha intelixencia artificial que controla as mentes dos seres humanos.

Sen chegar ás fantasías de “The Matrix”, a busca cósmica ten en común co filme a procura da realidade a través da meditación e da observación. Segundo comentan desde ConcienciArte, a sesión do sábado tentará “explicar a parte máis sutil da realidade que normalmente non percibimos e que inconscientemente condiciona a nosa maneira de estar no mundo”. Para participar neste encontro hai que contactar co teléfono 656 260 284.

A asociación ConcienciArte non para de achegarnos propostas moi interesantes. As dúas seguintes que nos quedan máis próximas tratarán a Arte Bonsai e a elaboración de cosméticos e ungüentos a partir de ingredientes naturais. As dúas actividades ofreceranse tamén na antiga escola de Silvalonga cun prezo de 20€ para persoas socias da entidade e de 25€ para non socias.

O taller de Arte Bonsai está programado para os luns 3, 10, 17 e 24 de febreiro en horario de 17.00 a 20.00h. Del encargarase o experto Luis Pillado, quen falará tanto da historia e a filosofía asociadas a esta disciplina milenaria como das técnicas de cultivo e modelado das árbores. As inscricións hai que facelas no 675 307 007.

O obradoiro de cosmética e cremas caseiras desenvolverase o sábado 8 de febreiro de 16.00 a 20.00h. Verase o método para elaborar cremas, ungüentos e oleatos partindo de plantas e outros ingredientes naturais. Ofrecen máis información no 656 260 284, onde tamén se poderán facer as inscricións.

Entroido en Bardaos
A outra entidade que nos enviou información sobre o seu programa foi a comisión de festas de Bardaos 2020. Xa andan traballando para procurar financiamento co que renderlle tributo como merecen a Santa María -patroa oficial da parroquia- e ao San Pipote, o patrón oficioso.

O sábado 15 de febreiro organizan no local social un xantar de Entroido que comezará ás 14.30h. cunha pequena sesión vermú previa á degustación dun menú composto por sopa de cocido, cocido galego, freixós, orellas e doces de Entroido, pan, café viño auga e refrescos. A sobremesa irá seguida de música ao vivo durante boa parte da tarde.

O prezo do xantar son 18€ por persoa -gratis para rapazada de ata 10 anos- e cómpre reservar sitio antes do 9 de febreiro chamando ou mandando un whatsapp aos teléfonos 635 013 323, 646 769 712 ou 652 459 918.