Os traballos tamén inclúen unha renovación dos actuais xogos infantís e do mobiliario urbano, así como a substitución do actual pavimento por un de caucho continuo e céspede artificial
O concello comezará nos vindeiros días as obras de mellora do parque infantil da Praza Elíptica do barrio residencial dos Rosales co obxectivo de optimizar a dotación de xogos infantís mediante a ampliación e renovación da actual área existente, debido á significativa demanda dos nenos e nenas. Deste xeito, crearase un novo parque infantil moderno e innovador, no que se xerará un espazo singular dentro do devandito barrio.
As actuacións que se levarán a cabo serán a retirada dos elementos de xogo infantil para a implantación de novos xogos e mobiliario urbano, a demolición do canto rodado para ser substituído por pavimento de caucho continuo e céspede artificial co fin de ampliar a zona de xogo e a mellora da xardinería e do arborado.
Canto ás zonas existentes de pequenos e de maiores, actualmente atópanse sobre pavimento de caucho continuo. Na zona destinada aos máis pequenos, retirarase o areeiro e instalarase no seu lugar unha randeeira berce. A outra, a dos máis maiores, conta na actualidade con dúas estruturas. Unha delas retirarase e instalarase no seu lugar unha randeeira múltiple, así como un elemento de xogo dinámico.
Desde a Concellería de Urbanismo e Infraestruturas aseguran que os novos xogos infantís a instalar teñen unha ampla capacidade de usuarios, aumentando considerablemente a oferta actual. Trátase dunha actuación de mellora que a veciñanza do barrio levaba tempo solicitando debido a que os Rosales é unha zona
cun certo déficit en canto a oferta lúdica de xogos infantís con respecto á súa poboación. Deste xeito, elevaranse os seus ratios de número de xogos e de superficie de xogos por habitantes menores de 14 anos.
As obras de renovación deste parque infantil realízanse cun orzamento de 200.000 euros e nun contexto de mellora deste tipo de áreas que o Goberno local está priorizando nos diferentes barrios da cidade desde a súa chegada a María Pita.