As novas escaleiras servirán como alternativa de paso á pasarela peonil que existe á altura da Comandancia da Garda Civil e mellorará a conexión do barrio do polígono de Elviña coa rolda de Outeiro
A Concellería de Infraestruturas anuncia que nos vindeiros días comezarán as obras para construír escaleiras entre a avenida de Salgado Torres (á altura do semáforo instalado fronte á avenida de Oleiros) e a rúa Xeneral Rubín, que servirán como alternativa de paso ao itinerario peonil accesible existente na actualidade.
A nova escaleira, cun desenvolvemento aproximado de 23,5 metros, preséntase como unha solución á diferenza de cotas entre o bordo da vía Salgado Torres e a zona do aparcadoiro anexa á rúa Xeneral Rubín. Para sustentar a dita escaleira, construirase un muro de dique cunha altura máxima de 1,9 metros.
O Concello destinará a estas obras de mellora en Elviña, cuxo prazo de execución é de dous meses, un total de 60.600 euros.
A rúa Salgado Torres é unha avenida que consta de calzadas separadas e dous carrís por sentido para o tráfico rodado. Na actualidade, a permeabilidade peonil é practicamente inexistente, posto que só se dispón dunha pasarela peonil á altura da Comandancia da Garda Civil. As obras necesarias para a nova escaleira, que se efectuarán de xeito inmediato, complementan as últimas actuacións de mellora realizadas na primeira metade do 2018 e melloran a conexión do barrio do polígono de Elviña coa rolda de Outeiro ao proporcionaren unha conexión peonil directa entre o semáforo recentemente instalado e a rúa Xeneral Rubín.