O Concello de Riveira informa de que o mércores 22 de xaneiro é a data prevista para a reapertura do renovado parque infantil situado no García Bayón, logo de efectuar os últimos retoques á actuación alí efectuada, retoques que teñen que ver co pintado de bancos e outros pequenos traballos para redondear unha intervención que incluíu tanto a extensión de pavimento de caucho continuo sobre a toda a superficie como novos xogos, moitos deles inclusivos.
Así, o novo parque infantil ten capacidade para que un total de 140 usuarios con idades de 0 a 14 anos poidan facer uso simultáneo dos xogos que alí se van situar, distribuídos en dúas zonas en función dos tramos de idade. Entre os elementos, destaca un xogo especial en forma de nasa que foi especialmente deseñado para a cidade riveirense: estará equipado con iluminación LED e incorporará un tobogán tubular de grandes dimensións; unha rampa de deslizamento; tres plataformas polas que a rapazada poderá ascender ou descender unha a outra; unha liana de ascenso, unha rede inclinada de cuadrícula de trepa e unha zona de presas de escalada.
Ademais, instalouse unha cama elástica con capacidade para catro usuarios; un gran domo capaz de albergar ata 25 cativos de 4 a 14 anos que tamén levará iluminación LED; un balancín carrusel múltiple; un tobogán en forma de barco para os máis pequenos; e diversos elementos inclusivos pensados para persoas con diversidade funcional, como un pasadizo secreto e outro elemento figurativo, ambos customizados, ademais dun columpio.
Consérvanse do parque infantil anterior despois de seren restaurados o equipo combinado e a tirolina, peza última que motivou certo retraso na apertura do parque pola espera en recibir algunhas das pezas que a compoñen.