A selección das 33 propostas gañadoras do programa 2019 baseouse no número de votos acadados e tendo en conta factores como o nivel poboacional e as dotacións de cada distrito da cidade
Un total de 33 propostas da cidadanía conformarán este ano o programa de Orzamentos Participativos 2019, que foron elixidas en función das que obtiveron máis votos e para as que se tiveron en conta factores como o nivel poboacional e as dotacións de cada zona coa fin de manter un equilibrio no conxunto da Coruña. No proceso participaron persoas maiores de 16 anos e empadroadas na cidade, que propuxeron iniciativas nun prazo habilitado entre o 25 de abril e o 21 de maio. Nunha primeira fase, recolleuse a totalidade dos proxectos para pasar a unha segunda en setembro, en que se votaron e onde se desbotaron 136 dos 607 que presentaron 246 coruñesas e coruñeses, por seren inviables de inicio, por non cumpriren cos requisitos de legalidade, non dependeren do concello ou por seren xa en si un investimento da corporación.
Un total de 1.795 persoas apoiaron algunha das 471 propostas ao mesmo tempo en que os servizos técnicos analizaron a súa viabilidade e realizaron estimacións económicas nunha terceira fase en que resultaron elixidos os 33 proxectos de cidade, cinco de cada distrito menos do 1, en que seleccionaron tres por non haber máis.
As propostas, para as que se investirán 2,5 millóns de euros, pasaron a unha fase última de votación en que, en outubro, participaron 1.262 persoas, que situaron como prioritarias as necesidades de mellora na mobilidade e no tráfico, xa que a proposta con máis apoios, 344, correspondeu a acabar coa dobre fila en favor do carril bici, á que se lle asignarán 48.000 euros, seguidas doutras como a petición para que se acondicionen os pasos peonís con pintura antiesvarante, con 234 votos, á que se destinarán 250.000 euros ou a mellora dos
cruzamentos por onde transcorre o carril bici, que apoiaron 250 persoas e en que se investirán 87.000 euros.
Canto aos distritos, o Goberno local dirixirá 63.356 euros en instalar unha pérgola que cubrirá total ou parcialmente o patio central de acceso ao CEIP María Pita, unha actuación que reclamaron 252 persoas. Dentro de Servizos Sociais, a creación dunha aula de estudo municipal recolleu 228 apoios, un proxecto en que se empregarán máis de 103.000 euros.
INFRAESTRUTURAS
Por áreas, Infraestruturas e equipamentos é a que concentra máis partidas con 919.900 euros, que a nivel global dotará de servizos mínimos as zonas rurais da Coruña, con
250.000 euros. No distrito 1, levantarase en Bens unha beirarrúa de acceso ao centro veciñal (12.500 euros) e no 2 ampliaranse as liñas e mais realizaranse melloras nas paradas de bus en San Pedro de Visma (14.000 euros) e pavimentarase a estrada do Ventorrillo a Penamoa (50.000 euros). No 6, asfaltarase o camiño de terra do parque de Eirís e daráselle continuidade á rúa Javier López (60.000 euros). Tamén se reordenará o tráfico no cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís (95.000 euros) e recuperarase a fonte dos Caños en Eirís de Abaixo (2.500 euros).
No que se refire ao 8, humanizarase a contorna da praza de Lugo (200.000 euros) e farase unha conexión accesible entre a rolda de Outeiro e a rúa Caballeros (25.000 euros). No distrito 4, crearase unha área recreativa nos arredores do centro cívico de Feáns (20.000 euros) e unha segunda de mantemento e lavadoiro de bicicletas en Mesoiro (9.400 euros). Ademais, colocaranse máquinas biosaudables e bancos neste barrio por un importe de
40.000 euros e construirase un parque infantil valorado en 125.000 euros. No distrito 3, instalaranse puntos de luz no lugar de Cances por 16.500 euros.
MOBILIDADE
En Mobilidade e Accesibilidade, as propostas ascenden a 757.840 euros e, a nivel barrios, no distrito 2 colocaranse cinco bolardos para reservar a beirarrúa do Ventorrillo e Penamoa (1.280 euros) e no 3, reforzarase o carril bici en Elviña con 130.680 euros. No 6, elevarase o paso peonil de acceso ao centro de saúde do Castrillón por 21.000 euros e no 10 unirase o
carril bici dos Cantóns co de Riazor por 58.000. No 9, instalaranse dúas estacións
Bicicoruña na praza de Portugal e no parque de Santa Margarida por 130.680 euros.
Por último, no distrito 5 colocaranse marquesiñas e paneis informativos solares nas paradas dos buses por 31.200 euros.
OUTRAS
Na área de Interior, empregaranse 250.000 euros en instalar fontes de enerxía renovable en edificios e outras construcións e en parques e xardíns, habilitaranse zonas verdes no parque proposto entre as rúas Oslo e Oporto da Zapateira, cun orzamento de 200.000 euros e dotarase de vexetación a avenida do Ferrocarril, con 5.000 euros. Medio Ambiente destinará 50.000 euros nun horto urbano comunitario no parque Adolfo Suárez e nunha trituradora para a xestión de restos de podas para o distrito 1 por 4.800 euros. En Servizos Sociais, as melloras no equipamento para o local veciñal de Nostián (15.000 euros) e a aula de estudo municipal (103.097 euros) suporán 118.097 euros e Educación destinará máis de
63.000 en cubrir parte do patio do colexio María Pita. Finalmente en Deportes investiranse
130.000 euros en ampliar o rocódromo municipal de Riazor.