Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia un incremento do 18% nas axudas aos alugueiros, que beneficiarán a 2.200 familias cada ano


Salienta que estas subvencións, xunto ás do Plan Aluga, que se publicaron hoxe no DOG, superarán os 8,7 millóns de euros nos próximos dous anos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a convocatoria de axudas ao alugueiro para os dous vindeiros anos. Esta partida, incluída no Plan de alugueiro e rehabilitación, supera os 5 millóns de euros. A esta cifra hai que sumarlle as axudas do Plan Aluga, que saen publicadas hoxe no DOG e que tamén se repetirán no ano 2016.

Deste xeito, Feijóo salientou que o Goberno galego destinará nos vindeiros dous anos case 8,7 millóns de euros a “axudas novas para alugueiros novos”, o que supón un incremento de case o 18 por cento respecto ao mesmo programa de anos anteriores.

“A previsión é que arredor de 2.200 familias cada ano poderán beneficiarse de subvencións aos alugueiros”, destacou o responsable do Executivo autonómico. As axudas van destinadas a aqueles que sexan arrendatarios dunha vivenda e así conste nun contrato, cuxa vivenda sexa a súa residencia habitual e permanente e cuxos ingresos sexan inferiores a tres veces o Iprem, é dicir, un tope de 1596 euros ao mes.

Ademais, o contrato de arrendamento non poderá superar unha cantidade máxima mensual, que oscila entre os 400 e os 600 euros dependendo da zona onde se atopa a vivenda. O importe das axudas será do 40 por cento do prezo do alugueiro, cun máximo anual de 2.400 euros.

“A maiores, mantemos as axudas do Plan Aluga, que segue vixente, e do programa de Realoxo de afectados polas execucións hipotecarias”, rematou o presidente. O programa Aluga disporá de 1.380.360 euros de fondos neste ano.