Friday 22 de November de 2024

A Xunta traballa para atallar de maneira inmediata as filtracións dos xulgados de Ferrol ocasionadas polo temporal


Operarios trasladáronse tras coñecer os problemas rexistrados no lucernario por mor das fortes chuvias
A Xunta está traballando para atallar de forma inmediata as filtracións rexistradas hoxe nos xulgados do Ferrol ocasionadas polo temporal e as fortes chuvias rexistradas esta mañá e que está previsto que se prolonguen durante a xornada.

O problema detectouse nun lucernario, que xa estaba pendente de reparación por causa do último temporal, polo que estaba cuberto provisionalmente cunha lona. Esta mañá, coas fortes chuvias e o vento, a lona cedeu, o que provocou as filtracións. Todo o perímetro foi acordonado para evitar accidentes persoais.

En canto se tivo coñecemento da incidencia, a Xunta trasladou de forma inmediata a operarios ao xulgado do Ferrol para instalar unha nova lona, máis reforzada, e acometer as outras actuacións necesarias para garantir a seguridade dos traballadores e usuarios do edificio.

A Xunta ten previsto proceder a arranxar o lucernario de forma definitiva o máis axiña posible e en canto dispoña da nova estrutura.