Saturday 16 de November de 2024

Nova Galega de danza estrea ‘Leira’ no teatro Rosalía Castro da Coruña e dentro da rede galega de teatros e auditorios


O espectáculo, con dirección artística de Jaime Pablo Díaz, conta con seis bailaríns en escena e coa voz e a música en directo de Rosa Cedrón

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na Coruña na presentación da estrea de Leira, o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, que terá lugar mañá venres ás 20,30 h. no Teatro Rosalía Castro. A cita forma parte das 23 funcións escénicas que ofrece ata xuño na cidade herculina a Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto promovido pola Xunta de Galicia e 41 concellos e entidades locais das catro provincias.

No acto interviñeron tamén responsables do teatro coruñés e da compañía, que deron detalles desta nova proposta coreográfica. En Leira, o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que quere ser a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. Os seus creadores e intérpretes transportan o espectador á dura beleza dos labores do campo, coa muller no centro desta conexión. Así, os días, as estacións e as paisaxes son habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra.

Leira conta con dirección artística de Jaime Pablo Díaz e voz e música en vivo de Rosa Cedrón. Integran o corpo de baile Estefanía Gómez, Inés Vieites Veiras, Iván Villar, César Louzán, Pablo Sánchez e Ricardo Fernández. A música é de Sergio Moure de Oteyza, a coreografía asínaa Iker Gómez e o vestiario correspóndelle a Erica Oubiña.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva funcionando de xeito continuado desde 1996. Trátase do principal mercado interior para as propostas escénicas galegas producidas de xeito profesional e conta cun orzamento para este primeiro semestre dun millón de euros, que asumen a Consellería de Cultura e Turismo e as entidades locais asociadas. A primeira carteleira de 2020 achegaralles aos espectadores de 45 escenarios 328 actuacións de teatro, danza, música, maxia e circo a cargo de 111 formacións artísticas, galegas na súa meirande parte.

A Coruña é un dos concellos que forman parte desta rede desde practicamente a súa fundación, e á que actualmente achega dous espazos escénicos: o Teatro Rosalía Castro e o Forum Metropolitano.