A alcaldesa acudiu esta tarde na escola de Arquitectura á presentación do último número da revista “Archives”, dedicada ao arquitecto ourensán
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta tarde na escola Técnica Superior de Arquitectura á presentación do último número da revista “Archives”, dedicada a Manuel Gallego Jorreto, dobre Premio Nacional de Arquitectura e que deseñou na cidade edificios significativos como o museo de Belas Artes, co que, segundo a rexedora, o ourensán conseguiu que a zona en que se ubica fixera as paces. No acto, ao que asistiu tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o reitor da Universidade, Julio Abalde; e o director da Escola de Arquitectura, Plácido Lizancos, xunto aos editores da revista, o fotógrafo Juan Rodríguez e o arquitecto Carlos Quintáns, Rey recordou que para Jorreto a finalidade última da arquitectura é facer feliz ao ser humano e que por iso, articula as ideas de xeito que os seus edificios axudan a debuxar sorrisos. Segue a premisa de que estes teñen que ser de todos e entende que a súa obra pode cambiar a vida do que medra ao seu carón.
A alcaldesa explicou que eses principios foron os que o levaron á facultade de Ciencias Sociais en Elviña, “en que planeou recuperar a fachada porque non había un espazo común para o intercambio de apuntes e para socializar. El creouno en forma de pasillo con fiestras”. Rey lembrou que Gallego chegou á cidade no momento en que a modernidade e a tradición pedían un pacto non agresivo, “xusto
Nota de Prensa
cando esta escola empezaba a andar e conformábase o colexio de arquitectos de Galicia”.
Rey repasou o feito nunha Coruña que atendeu a materiais innovadores coma o vidro dentro de bloques que se organizan amables e que pasan desapercibidos como é o caso do Museo de Arte Sacro, na praza da Colexiata, onde Manuel Gallego ordea a historia nunha escaleira. A alcaldesa nomeou outros traballos como o da biblioteca do castelo de San Antón, a facultade de Económicas, o proxecto do castro de Elviña e a rehabilitación do teatro Rosalía de Castro e recordou a arquitectos do talle de Ramón Vázquez Molezún, Tenreiro ou Julio Galán Carvajal, xunto aos actuais que coma Jorreto pensan a cidade como un lugar onde os edificios non berran, “senón que rumorean cousas ao oído e un sorrí ao velos”.