Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño busca darlle novo pulo ao Entroido cunha orientación familiar


Despois de varios anos facéndose a cuberto, neste 2020 o Entroido de San Sadurniño volverá encher de troula o centro urbano cun desfile que percorrerá o traxecto entre os xardíns municipais e o ximnasio do CPI. Desta maneira quérese recuperar a esencia dunha festa pagá que na nosa zona e en toda Galicia sempre foi de andar por fóra, de máscaras canfurneiras meténdose coa xente gorecidas polo anonimato e de momentos de moita risa dos que goza quen se disfraza, pero tamén quen mira ou é obxecto dalgunha broma. A celebración está posta para a tarde do sábado 22 de febreiro e complétase con obradoiros, música, sobremesas típicas e premios para os mellores traxes. Falta aínda máis dun mes para a cita, pero se lanzamos a noticia con tanto tempo de adianto é para que vaiades pensando de que vos ides disfrazar e para que vaiades preparando a indumentaria.
Cultura deseñou a actividade pensando nun público familiar, aínda que o desfile non está pechado a comparsas nin tampouco a máscaras espontáneas. Haberá premios para os tres mellores disfraces infantís -ata 8 anos-, para os tres mellores xuvenís -de 9 a 17 anos- e outro para o grupo de mocidade -4 ou máis persoas, tamén de 9 a 17 anos- que veña mellor ataviado e que máis anime a festa. Ademais resérvase un accésit especial para o mellor disfrace familiar. Os premios serán xantares ou ceas nos restaurantes do concello.
A marcha entroideira sairá ás 17.00h. dos xardíns municipais e irá avanzando por Marqués de Figueroa ata chegar ao ximnasio do centro de ensino. Alí atopará un obradoiro de globoflexia e outro de maquillaxe, ademais de ricas sobremesas -orellas, freixós e chocolate quente- coas que repoñer forzas e cargar pilas para o resto da tarde, animada co espectáculo musical e de picadiscos de María Faltri e Jorge Juncal.
Se nesta tarde de Sábado de Entroido fixese mal tempo, a actividade trasladaríase directamente ao ximnasio do CPI.
Tempos para compartir e obradoiro infantil
En paralelo coa programación de Cultura, a área de Igualdade tamén buscou un tema relacionado co Entroido para o próximo Tempos para compartir, que terá lugar no local social de Lamas o sábado 8 de febreiro a partir das 17.00h. Belucha Tuimil e Amparo Casal ensinarannos as súas receitas para preparar freixós e orellas, as dúas sobremesas máis típicas desta época do ano. Fariñas máis axeitadas, mesturas e amasados, outros ingredientes que potencian o sabor e a textura na boca, que aceite usar… son só algúns dos aspectos que tratarán estas dúas expertas reposteiras.
Só hai 15 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición chamando ao 981 490 027 ext.1 ou enviándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. Daráselle prioridade á veciñanza empadroada en San Sadurniño e o último día para anotarse é o día 3 de febreiro.
Xa para o 24 de febreiro, luns de Entroido e día de vacacións para a rapazada antes do festivo local do martes, ofrecerase un obradoiro para nenas e nenos (+4 anos) no que tamén aprenderán a elaborar a receita dos freixós. Logo decoraranos con crema de cacao, viroitas de caramelo, froitas… e para rematar farán un chocolate co que acompañar a degustación.
Para este pequeno taller culinario ofértanse 15 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. Desenvolverase entre as 11 e as 12.30h. e cómpre apuntar a rapazada directamente na Casa da Cultura ou no correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal.