A alcaldesa acudiu na Domus á presentación do libro “Cuatro casas para la ciencia. Conversaciones con Moncho Núñez”, do xornalista Jacinto Ruiz e editado pola Universidade da Coruña
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta tarde na Domus á presentación do libro “Cuatro casas para la ciencia. Conversaciones con Moncho Núñez”, escrito polo xornalista Jacinto Ruiz e editado polo servizo de publicacións da Universidade da Coruña, en que os lectores e lectoras poden achegarse a través dunha entrevista entre o autor e o exdirector dos Museos Científicos á historia pola que A Coruña se converteu en capital do coñecemento.
A rexedora destacou que somos unha cidade capaz de superar as limitacións dunha dimensión que calquera xulgaría de reducida para brillar á altura das máis grandes e das mellores grazas “a persoas como Moncho e outras que esta tarde nos acompañan”. Do precursor dos catros centros museísticos, Rey sinalou que soubo transformar a curiosidade dun neno nun referente da difusión da cultura científica. Consciente de que “a xente aprendía porque sentía, o especialista pensou que non había nada mellor que preguntarlle aos escolares que querían saber sobre o mar, por exemplo, para construír, con todas esas preguntas, un espazo en que nos atopar xeitos de mergullarse en novas preguntas, máis apaixonantes e divertidas”.
A alcaldesa asegurou que as realidades máis importantes e obvias son normalmente as máis difíciles de ver e explicar e “Moncho axudounos a moitos e
moitas nenas e persoas maiores a entender e cuestionarmos máis cousas das estrelas, o corazón, o océano, a turbina…”. Por iso, agradeceu a Núñez Centella o seu esforzo e tempo depositados “en facer da nosa casa en común, a nosa cidade, o fogar da ciencia”.